O BNG esixe que as estatísticas en liña do INE tamén figuren en galego
mércores, 27 de xaneiro do 2010
- Olaia Davila no Congreso dos Deputados
Unha vez máis e malia non ser culpa dela (directamente), a Rede ponse
do lado de outros en materia lingüística, e co agravante de que desta volta
andan detrás as administracións públicas. Segundo vén de pór
en relevo a parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández
Davila, a Enquisa sobre o uso das Tecnoloxías
da Información e as Comunicacións nas
empresas que elabora o Instituto Nacional de Estatística só se envía a
través de Internet en dúas únicas linguas: o castelán e catalán. Estas
limitacións comunicativas da enquisa, que se pode cubrir a través da Rede (pero
só nesas linguas), amosan segundo apunta o BNG unha vulneración a toda a lexislación
e iniciativas adoptadas pola Administración Central no camiño de respectar o
carácter plurilingüístico do Estado español.
Con este obxectivo, Davila esíxelle ao Goberno que explique as razóns polas que o INE exclúe á lingua galega e reclámalle que adopte medidas para que a nosa lingua poida ser empregada en tódolos trámites do devandito Instituto, mesmo a través de Internet (a canle que a fin de contas se vai impoñer en todos os procesos administrativos e comunicativos coa cidadanía), ao igual que castelán.