O CDTIC acollerá unha xornada sobre a xestión de empresas con software libre

venres, 2 de novembro do 2012 Redacción

O vindeiro 6 de novembro o Centro Demostrador TIC acollerá a II Xornada de Xestión de Empresas con Software Libre. A primeira edición, celebrada en 2011, recibiu unha importante demanda de asistencias que superou o número de prazas ofertadas, o que dá conta da boa acollida que tivo entre as PEME galegas.
O obxectivo desta xornada é facer un percorrido por distintas solucións tecnolóxicas que permitan incrementar a produtividade das empresas a través da mellora da súa xestión, co nexo común de seren todas elas solucións con licenza libre. O emprego deste tipo de tecnoloxía facilita, como se puido ver na pasada Libre Software World Conference, un aforro no investimento tecnolóxico.

Programa da xornada

O programa da Xornada, que se celebrará de dez da mañá a dúas da tarde comezará coa presentación dun sistema de xestión intelixente das comunicacións baseado programa de software libre Asterisk por parte da empresa Conexiona. A continuación Begano, distribuidora galega dos produtos baixo as marcas da compañía Coca-Cola, compartirá cos asistentes ás Xornadas a súa experiencia na implantación deste sistema de comunicación na súa empresa.
A sesión continuará coa presentación por parte de Igalia de LibrePlan, ferramenta colaborativa para planificar, monitorizar e controlar proxectos nas empresas que está a ser empregada por diversas empresas e organizacións internacionais. Pola súa parte, Queres Tecnología, exporá as claves do xestor documental baseado en estándares abertos Alfresco para que as empresas colaboren e xestionen eficazmente a información corporativa. Pechará a Xornada, Estrella Galicia como caso real de implantación Alfresco.
A sesión vai dirixida aos profesionais e persoal técnico, autónomos e/ou xerentes ou directivos das empresas da nosa comunidade, tanto do sector público como privado.