O CEIP Ponte dos Brozos celebra as súas segundas Xornadas de Experiencias TIC

xoves, 30 de maio do 2013

O CEIP Ponte dos Brozos, centro educativo galego de Arteixo do que falamos recentemente para dar conta das súas innovacións pedagóxicas arredor de Google Apps, organizou os días pasados a segunda edición das súas Xornadas de Experiencias TIC, unhas xuntanzas dirixidas a avaliar (e a impulsar) os máis recentes achados -propios e alleos- en materia da aproveitamento das ferramentas tecnolóxico-dixitais ao servizo do ensino. A inauguración, perante un auditorio ateigado, contou coa presenza de Manuel Vila, subdirector xeral de Innovación Educativa da Consellería de Cultura e Educación, Fermín Álvarez, xefe do Servizo de Inspección Educativa da Coruña, e Susana Vázquez, coordinadora educativa de Educabarrié (Fundación Barrié).
Tamén participaron representantes do IES de Sabón (convidado ao acto), a Rede de Escolas de España asociadas á UNESCO, o Centro Autonómico de Formación Innovación, o Proxecto Abalar, o Centro de Formación e Recursos de a Coruña e os Centros Educativos do Concello de Arteixo.
A comunidade educativa estivo representada pola ANPA, alumnado e docentes tanto do CEIP Ponte dos Brozos como do IES de Sabón.
Durante o acto, informan os organizadores, presentáronse experiencias levadas a cabo por todos os ciclos educativos do centro. Dende actividades con nenos e nenas de tres anos, baixo o título Os iPads non se chupan, pasando por investigacións sobre distintas etapas históricas de Arteixo. Deste xeito, presentáronse traballos sobre a prehistoria, época castrexa, o románico ou a relación de Manuel Murguía e Emilia Pardo Bazán co devandito concello. Todos os traballos, engade a dirección do CEIP Ponte dos Brozos, foron realizados para experimentar sobre as aplicacións educativas da realidade aumentada.
Asemade tamén se presentou a experiencia sobre o uso dos iPads na aula de Adquisición de Linguas e que recibiu recentemente o 1º premio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Clausuraron o acto a concelleira de Educación e Cultura do Concello de Arteixo, Celina Varela e o subdirector xeral de Innovación Educativa, Manuel Vila, quen recoñeceu o traballo desenvolvido polos docentes implicados no Proxecto Ponte dos Brozos.

PUBLICIDADE