O CESGA dá acubillo este luns á entrega de galardóns do Máster en Computación de Altas Prestacións

venres, 15 de marzo do 2013 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) acolle este luns, a partir das 16.00 horas, o acto de entrega dos Premios aos Mellores Proxectos de Fin de Máster en Computación de Altas Prestacións. A axenda de actividades dará comezo cun acto de apertura a cargo de Javier Díaz Bruguera, catedrático no centro de investigación da Universidade de Santiago CiTIUS. Este máster, informa o CESGA, é na nosa terra o único programa formativo das súas características realizado por dúas universidades (UDC e USC), unha infraestrutura científico-tecnolóxica singular como é o CESGA e co apoio e participación de 7 empresas multinacionais (IBM, HP, BULL, Fujitsu, AMD, Amazon e Gompute). Asemade, cómpre engadir un colexio profesional (CPEIG).
Un xurado composto por membros do profesorado e técnicos de recoñecida experiencia nas empresas patrocinadoras decidirá os proxectos premiados de entre o grupo de finalistas que presentarán o seu proxecto. Os recoñecementos inclúen equipos tecnolóxicos de última xeración (como tablets e portátiles) e mesmo estancias de traballo pagadas dun mes de duración “nun centro punteiro de benchmarking e testeo de produto en Grenoble (Francia) do fabricante de supercomputadores Bull”, engade o CESGA. No acto repartiranse catro premios; HP, AMD e Fujitsu entregarán tres deles aos mellores proxectos fin de máster e a europea Bull fará entrega dun galardón ao mellor expediente académico.

PUBLICIDADE