O CESGA refórzase para ampliar e fortalecer os seus servizos de alta calidade
luns, 1 de agosto do 2016
O Centro
de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén de facer reconto das
novidades xurdidas no seu seo ao longo de 2015 en materia de novos
equipamentos. Estas novas infraestruturas, que en palabras do
CESGA “permitirán nos vindeiros anos ofrecer un conxunto moi
completo de servizos de alta calidade aos seus usuarios”, son
froito dun traballo e un compromiso conxuntos que conseguiron, co seu
pulo, arredar do futuro do centro os agoiros máis negativos en
cuestión de investimento (por mor da situación económica recente).
Segundo informan fontes do centro, “grazas ao esforzo do CESGA e o
decidido apoio da Xunta, o Ministerio de Economía e Competitividade
e o CSIC, conseguise renovar a infraestrutura de supercomputación e
o Finis Terrae II é xa unha realidade”.
No reconto de novidades salienta polo tanto a
incorporación ao CESGA do Finis Terrae II, pero non é a única
achega tecnolóxica que destacar. Polo que atinxe ao dito
supercomputador, o centro lembra que a súa infraestrutura está
entendida sobre todo para “a resolución eficiente de grandes
problemas paralelos”. Desta maneira, o seu deseño estivo baseado
neste factor. Finis Terrae II incorpora un total de 7.712 núcleos de
procesador da tecnoloxía Intel Xeon E5 Hasswel, interconectados por
unha rede de comunicacións de baixa latencia de tipo Infiniband. Co
obxectivo de dar o mellor servizo en materia de procesamento da
información inxente (que adoita derivar, tamén, en grandes
cantidades de datos), o supercomputador incorpora un sistema de
almacenamento paralelo de altas prestacións, con potencial para
proporcionar simultaneamente unha elevada capacidade (760 Terabytes
netos) e sobre todo un elevado rendemento (maior que 20 Gigabytes por
segundo). “Deste xeito”, explica o CESGA, “os cálculos non son
retardados polas operacións de entrada/saída cara aos discos”.
Respecto ao deseño do equipo, fíxose fincapé en
adicar a maioría dos recursos aos casos máis utilizados no centro,
“polo que a súa arquitectura está sobre todo baseada en nodos
lixeiros (thin nodes) que empregan procesadores estandar de
Intel, axeitados para a meirande parte das aplicacións usadas polos
usuarios do CESGA”, explica o centro, que engade que tamén se
incluíu un nodo de cálculo groso (fat node) para “dar
resposta a necesidades de gran cantidade de memoria compartida, é
dicir, nun único nodo de cálculo”. Igualmente, tentouse dar
resposta aos usuarios e aplicacións que son quen de aproveitar as
vantaxes do procesado de propósito xeral en unidades de procesado
gráfico (GPGPU), polo que en Finis Terrae II incorporáronse oito
procesadores NVidia Tesla K80. Para dar acceso á tecnoloxía de tipo
multinúcleo de Intel, no sistema incluíronse 4 procesadores
Intel Xeon Phi.
Outra das novidades de 2015 ten que ver cos servizos
de computación na nube, que se complementan (coas mesmas
infraestruturas) cos servizos SVG (Supercomputador Virtual Galego) e
que se reforzaron (todos eles) coa incorporación dun conxunto de
servidores que poden ser adicados a unha ou outra función (nube ou
SVG) dependendo da necesidade. Así, adquiríronse un total de 72
servidores que acumulan un total de 1440 núcleos de procesador e 9,2
TB de memoria para este propósito.
No ámbito da información inxente (Big Data),
fortaleceuse a capacidade do centro neste ámbito coa inclusión de
42 nodos servidores, acumulando un total de 480 núcleos de
procesador, 2,4 TB de memoria e 800 TB de disco.
En materia de visualización remota científica (un
recurso moi empregado para a correcta interpretación dos resultados
dos cálculos feitos nos computadores), implantouse unha solución de
altas prestacións, dispoñéndose dunha infraestrutura de catro
servidores cunha tarxeta gráfica que posibilita o emprego simultáneo
de varias aplicacións con certos requirimentos gráficos.
No que se refire aos usos industriais e empresarias
dos recursos do CESGA, lembrar que o centro está involucrado nunha
manchea de iniciativas relacionadas coa promoción do uso de
tecnoloxías avanzadas de computación nas PEME, entre as que cómpre
citar o proxecto FORTISSIMO, ou a Rede Europea de Centros de
Competencias en Computación de Altas Prestacións para PEME (SESAME
Net) entre outras. Desde a Axencia Galega de Innovación (GAIN)
quíxose dotar ao CESGA dunha infraestrutura de cálculo específica
para proxectos empresariais, de modo que poidan prestar os
servizos requiridos polas empresas sen competir polo uso dos
recursos xerais do CESGA, dispoñíbeis para unha ampla comunidade de
usuarios.
A actualización tecnolóxica das infraestruturas do
CESGA supuxo un investimento de 5,2 millóns de euros que foron
financiados pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Economía e
Competitividade con achega do Fondo Europeo de Desenvolvemento
Rexional (FEDER). A infraestrutura de cálculo específica para
proxectos empresariais foi financiada pola Consellería de Economía
e Industria da Xunta de Galicia a través de Axencia Galega de
Innovación (GAIN).