O CITIC da UDC incrementa a captación de talento internacional grazas ao proxecto europeo 3i-ICT

luns, 17 de xullo do 2023 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC incrementou a súa captación de talento internacional a través do proxecto europeo 3i-ICT. Na segunda edición deste programa (cuxa recepción de candidaturas pechouse hai pouco) o centro da Universidade da Coruña recibiu 75 candidaturas de 56 solicitantes, das cales 51 solicitudes de 39 persoas foron admitidas.
O programa europeo, o primeiro outorgado a unha institución galega co apoio da UE a través do Horizon 2020-MSCA-COFUND, ha recibo un 15% máis de solicitudes respecto á primeira edición.
Segundo informaron fontes do CITIC, as candidaturas proceden de todo o mundo, destacando as propostas recibidas de Asia (máis da metade), seguidas de Europa, América e África. Por áreas de investigación, foron as de Intelixencias Artificial e Ciencia e Enxeñería de Datos (CID) as que suscitaron máis interese, seguidas das de Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes.
Unha vez finalizado o proceso de recepción de candidaturas e tras unha primeira avaliación, seleccionáronse aquelas que cumpren cos requisitos para avanzar á seguinte fase de selección.
Será agora un comité externo composto por persoas expertas en cada unha das distintas áreas o que se ocupe da seguinte etapa. A medida que avanza o proceso de avaliación, este comité examinará a formación académica e a experiencia de cada persoa candidata. O CITIC destaca neste punto que “unha vez seleccionados, os participantes neste programa de doutoramento internacional terán a oportunidade única de colaborar e abordar en desafíos do mundo real da man dun centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC”. Respecto diso, o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, resalta a longa traxectoria de investigación multidisciplinar do centro en áreas de vangarda: “O noso compromiso coa excelencia na investigación levounos a ser líderes en eidos tan diversos como a biomedicina, a Industria 4.0, o Procesamento da Linguaxe Natural e a sustentabilidade. A excelencia das investigacións e as oportunidades de vangarda ofrecidas no CITIC posicionaron o centro como un referente internacional, xerando un ambiente estimulante e diverso que enriquece aínda máis a calidade da investigación realizada”.
Innovador programa de doutoramento internacional
O 3-i ICT (Programa de Doutoramento en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións Internacional, Interdisciplinario e Intersectorial) é un innovador programa de doutoramento internacional que ofrece oito bolsas a persoal investigador predoutoral para levar a cabo os seus estudos de doutoramento no Centro de Información e Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Conta co apoio da Unión Europea a través do Horizon 2020 baixo un acordo de Marie Sklodowska-Curie (H2020-MSCA-COFUND), que proporciona financiamento para programas rexionais, nacionais e internacionais de formación e desenvolvemento profesional mediante mecanismos de co-financiamento.
Ademais, o 3i-i ICT conta co co-financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia.
Modelos para a prevención da artrite, Procesamento da Linguaxe Natural e sensores virtuais sen fíos, primeiras teses
A finais do pasado mes de maio presentáronse os tres primeiros proxectos de teses dos oito proxectos de investigación previstos neste programa europeo, que ofrece unha ampla formación en habilidades investigadoras e de transferencia e que “suporá”, en palabras do CITIC, “unha sólida vantaxe competitiva no desenvolvemento profesional dos participantes”. Os modelos para a prevención da artrite, Procesamento da Linguaxe Natural e sensores virtuais sen fíos centraron estes primeiros traballos do 3i-ICT.
Toda a información do proxecto está dispoñíbel na súa páxina web.

PUBLICIDADE