O CIXUG xuntou en Vigo e Santiago expertos en software libre para achegar información cumprida sobre este tipo de licenzas

xoves, 17 de outubro do 2013 Redacción

A Oficina de Software Libre do CIXUG organizou en Vigo en Santiago unha xornada divulgativa sobre licenzas en aberto. A sesión celebrouse este mércores 16 no edificio Miralles do campus vigués e máis no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia de Santiago, de xeito complementario e dirixíndose, ámbalas dúas xeiras, a responder a unha serie de preguntas que todo desenvolvedor de software, sexa software libre ou ben privativo, tivo que facerse algunha vez: Cal é a mellor licenza libre? Cales son os dereitos do autor cando se optan polas licencias libres? Como aplicar a licenza ao código propio? Como dixemos, a xornada Como licenciar e traballar con licenzas libres veu da man da Oficina de Software Libre do CIXUG e celebrouse pola mañá no Miralles e polo serán no Cento de Novas Tecnoloxías de Conxo, en Santiago. Contouse coa presenza de Carlos Gómez Otero (Comunidade universitaria e titularidade do software), Juan Julián Merelo (O software libre contado aos universitarios) e Javier de la Cueva (Licenzas creativas). Os relatorios concluíron cunha máis que interesante mesa redonda.
Segundo informa a UVigo, os devanditos expertos (procedentes das universidades de Granada, Complutense de Madrid e Santiago de Compostela) afondaron en diversos aspectos do traballo con licencias libres co obxectivo de botar luz sobre moitas das dúbidas dos usuarios. Así, o secretario xeral adxunto da USC, Carlos Gómez, amosou polo miúdo as vantaxes de alternativas ás licenzas tradicionais de propiedade intelectual como a licenza Creative Commons ou o Open Access que son os repositorios empregados polas universidades segundo un acordo adoptado pola CRUE. Tamén explicou que no caso dos datos óptase polo Open Data, no das ensinanzas polo Open Cource e, finalmente, no dos programas de ordenador polo Open Source ou ben pola libre completamente libre que é o Copyleft.
Segundo engade a UVigo, Carlos Gómez ofreceu no edifico Miralles unha perspectiva ampla sobre a propiedade intelectual, centrada nos diversos sectores da comunidade universitaria. Apuntou tamén que “é preciso coñecer as diversas normativas, obrigas e responsabilidades sobre a propiedade inmaterial e os resultados da investigación científica para poder comprender as implicacións da titularidade de calquera propiedade intelectual”. Ante a pregunta “de quen é a propiedade intelectual creada nas universidades?”Gómez fixo un repaso polas múltiples posibilidades e polas implicacións dependendo de se se trata do colectivo estudantil, do PDI ou do PAS.
Dentro da comunidade universitaria, Gómez lembrou que o Estatuto do Estudante e os propios estatutos das universidades estipulan que a propiedade dos traballos dos alumnos é deles mesmos, “pero son as teses de doutoramento as que xeran máis conflitos xa que adoitan ser froito de proxectos de investigación conxuntos, polo que xorden problemas de titularidade”. No caso do persoal docente e investigador, dixo que “existe unha clara diferenza segundo se opte pola protección como propiedade industrial ou ben como propiedade intelectual”. E engadiu: “No primeiro caso a propiedade sería da universidade, que ten certas obrigas co creador no tocante aos beneficios; no segundo caso polo xeral é propiedade do autor, aínda que non sen polémica xa que se trata de froitos dunha investigación financiada con cartos públicos que se converte en propiedade privada”. No que atinxe ao persoal de administración e servizo “existen moitos menos matices”, comentou, “xa que a propiedade é da administración para a que traballan e teñen un contrato laboral que serve de apoio, por exemplo no caso da creación de bases de datos ou de programas de ordenador”.