O CNTG acolle o 25 un seminario sobre o proxecto de desenvolvemento web vNext
luns, 9 de febreiro do 2015
O Centro
de Novas Tecnoloxías de Galicia, CNTG, vai acoller o vindeiro 25
de febreiro un seminario sobre vNext, un proxecto
encamiñado a favorecer o desenvolvemento de webs baseadas en
software libre e con alcance multiplataforma. A xornada divulgativa,
que se vai celebrar no salón de actos do CNTG en horario de 16.30 a
20.00 horas, terá o prazo de inscrición aberto ata as doce horas
do martes 24. Segundo nos lembra a organización do seminario, vNext
“supón a creación dun novo marco de traballo para o
desenvolvemento web, optimizado
para traballar na nube, con maior rendemento, menor consumo de
memoria, multiplataforma e de código aberto”.
O obxectivo
principal do seminario consiste en darmos a coñecer aos asistentes
en que consiste e cales son as melloras que aporta vNext,
amosándose exemplos
de aplicacións funcionando en Mac, Linux e Windows. A xornada vai
dirixida particularmente a analistas, desenvolvedores/as e
programadores/as interesados/as no desenvolvemento de aplicacións e
servizos web en contornas híbridas e, en xeral, a profesionais IT
con interese na temática.
O relator da
xornada será o galego Unai Zorrilla Castro, socio fundador da
empresa Plain Concepts, en
palabras do CNTG “unha das firmas máis
importantes en desenvolvementos Microsoft, con sedes en España, USA
e Dubai”. Autor de varios libros, Unai impartiu numerosas
conferencias e charlas técnicas en todo o mundo, sendo recoñecido
por Microsoft como MVP (most
valuable professional)
durante máis de unha década.
O acceso ao
seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal
web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local. O acceso
ao acto para aquelas persoas non
inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día
de realización do evento.
