O CNTG adianta a celebración dun seminario sobre web services en xuño

mércores, 11 de maio do 2011 Raquel Noya

Interior do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago

Que é un web service?; para que se usa?; como se constrúe unha aplicación baseada en web services?... a estas e a outras preguntas vaille dar resposta o técnico consultor de Oracle especializado na área de Java, Daniel Gómez Vendrell, que o vindeiro día 7 de xuño, dará un relatorio sobre web services no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG).
Trátase dun seminario técnico, de carácter eminentemente práctico, que vai dirixido a aquelas persoas interesadas en contidos de interoperabilidade e intercambio de datos entre aplicacións, as cales poderán comprobar de primeira man, como se desenvolven aplicacións utilizando servizos web.
De feito, Gómez Vendrell, especialista neste eido, demostrará como se constrúe unha aplicación baseada en web services, e contestará ás preguntas que sobre o tema lle fagan as persoas asistentes.
O seminario dará comezo ás 10:00 horas e desenvolverase durante toda a mañá (até aproximadamente as 13:30 horas) nas instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías en Conxo, Santiago de Compostela.
As persoas interesadas en participar poderán facelo de balde, previa inscrición na web do CNTG, sabendo que o número de prazas está suxeito ao aforo do local.

PUBLICIDADE