O COAG celebra este xoves unha xornada sobre a aplicación da IA nos proxectos de arquitectura
mércores, 26 de xuño do 2024
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), desde a súa área de Formación e Innovación, e en colaboración co Colegio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM), celebrará este xoves 27 de xuño unha xornada de asesoramento sobre Intelixencia Artificial e Deseño Paramétrico no salón de actos da Fundación ONCE da Coruña (rúa Cantón Grande, 3) de 18:30 a 20:30 horas.
Esta xornada é a segunda actividade do ciclo Arquitectura, Arquitectos e Proxectos dixitais en 2024: Mais aló do BIM e estará a cargo de Roberto Molinos, arquitecto e director xeral de Modelical, e de Francisco Tabanera, arquitecto e director da área técnica de Modelado Complexo de Modelical.
Durante a xornada, os relatores explicarán as vantaxes e limitacións do deseño paramétrico na súa aplicación a proxectos de arquitectura de calquera escala, e farán unha introdución ás aplicacións da intelixencia artificial para os profesionais da arquitectura no desenvolvemento do seu exercicio profesional, así como as aplicacións e casos de uso no mundo da arquitectura e deseño arquitectónico destas novas ferramentas dixitais.
A actividade, de carácter presencial, terá aforo limitado polo que será necesaria inscrición previa a través da ligazón específica habilitada. Tamén se poderá seguir por streaming.