O CPEIG organiza o 26 unha xornada sobre a realidade actual da sinatura electrónica
luns, 17 de xaneiro do 2011
- O presidente do CPEIG, Fernando Suárez
Para que os
servizos de Administración Electrónica se estendan entre os internautas, e para
que de verdade lle podamos tirar partido á Internet (en termos xenéricos e a tódolos
niveis), cómpre fomentar o uso da sinatura dixital e informar polo miúdo das
vantaxes e das características que pon en xogo. Este é un dos obxectivos da
xornada que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de
Galicia (CPEIG) en colaboración coa
Xunta, a xornada Construíndo a Identidade
Dixital. A actividade, que busca reunir a un “amplo número de especialistas para abordar a cuestión da sinatura
dixital dende diferentes puntos de vista”, celébrase o vindeiro 26 de xaneiro na Escola
Galega da Administración Pública, en Santiago.
Máis polo miúdo,
e co fin de garantir ao máximo este obxectivo de pluralidade, o evento contará
con profesionais de servizos dixitais, da Administración Electrónica, da
certificación dixital e da seguridade en liña, entre outros eidos de
actividade.
Para o acto de
apertura da xornada, fará acto de presenza na mesma a secretaria xeral de
Modernización, Mar Pereira, acompañada do presidente do Colexio galego,
Fernando Suárez Lorenzo. Asemade, intervirá na apertura do encontro Pablo
Figueroa, director da Escola de Administración Pública.
Amais de
relatorios e mesas redondas, o programa dará acubillo á presentación de Construíndo a Identidade Dixital, Situación da
sinatura electrónica e das entidades da certificación, un libro que
poderemos ver publicado no portal do CPEIG a partir do día 25 e que escolma
unha boa parte dos estudos sobre certificacións en liña desenvolvidos polos
relatores presentes na xornada.
As persoas interesadas en asistiren á xornada deberán inscribirse no formulario dispoñible no portal do CPEIG. O prazo de inscrición remata o vindeiro día 24. A asistencia á xornada non supón ningún custo económico.