O CPEIG organiza un curso de Business Intelligence baseado en software libre
xoves, 28 de maio do 2009
A situación de crise
económica e financieira actual non é, se cadra, o mellor contexto para que as
empresas arrisquen o seu capital e se metan de cheo a negocios que lle quedan grandes
ou que invistan demasiado en ferramentas de última tecnoloxía que precisan
dunha formación moi especializada dos seus usuarios.
Nembargantes, agora si
semella ser o mellor momento para que as empresas formen ao seu persoal en
materia de sistemas de xestión informatizados xa que o futuro está aí e,
incluso na actualidade, xa se fai necesario tomar decisión importantes e
rápidas a partir da información dispoñible nos devanditos sistemas, tales como
ERP, aplicacións operativas…
Neste senso, o Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que é consciente da
necesidade de aplicar este tipo de ferramentas nas empresas galegas, vén de
anunciar que a partir de mañá venres, vai levar a cabo o curso Business Intelligence, integrado no
Programa de Formación do devandito ente colexial para o presente ano 2009, ao
que acudirán un total de 26 alumnos e alumnas.
A actividade formativa desenvólvese en
colaboración coas empresas Bahía Software e Strate BI e o seu obxectivo
principal será formar aos asistentes na análise de datos e na toma de decisións
empregando software libre.
O curso terá
lugar en Santiago de Compostela durante os días 29 e 30 de maio, e 5 e 6 de
xuño, nas dependencias da academia Cefiasa.
Business Intelligence implica, segundo afirman os seus responsables, “a mellora da velocidade e da capacidade das
organizacións para tomar decisións, simplificando e integrando servizos na
mesma plataforma, e proporcionando interfaces abertas para acceder e compartir
datos, dentro da mesma organización ou con outras organizacións externas”.
Na imaxe, o xerente de Bahía Software, Gustavo Gómez, vista na web do xornal en liña De luns a venres.
