O CPEIG xa conta oficialmente con novos estatutos
martes, 23 de agosto do 2016
- Fernando Suárez, presidente do CPEIG, na pasada edición da Noite da Enxeñaría en Informática
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 9 de
agosto o Decreto 100/2016, do 7 de xullo, polo que se aproban os
estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de
Galicia (CPEIG). Segundo
informa a entidade profesional que preside Fernando Suárez, trátase
“da materialización do acordo acadado en distintas asembleas
xerais, a última delas celebrada o 21 de maio do presente ano, para
a modificación dos estatutos”. Estes foron presentados no seu
día na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza do Goberno galego. En virtude da
devandita publicación, dáselle a oficialidade definitiva á
derrogación dos estatutos previos e de “cantas disposicións de
igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto”,
faise saber no texto publicado.
Segundo explica o CPEIG dende a súa web, a
actualización dos textos remóntase ao ano 2013, pola necesidade de
adaptalos aos cambios normativos xurdidos, na súa maior parte a
partir da coñecida como “Lei Ómnibus”, que é como se chama
popularmente á Lei 25/2009 para a modificación de diversas normas
legais e súa adaptación á lei sobre o libre acceso ás actividades
de servizos e o seu exercicio. “Desde aquela”, explica o colexio,
“producíronse alegacións da Xunta de Galicia, un informe do
Consello de Colexios, a aprobación dos estatutos do Consello Xeral
de Colexios, un novo informe do Goberno galego, alegacións da
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e do
Consello de Colexios, e novas alegacións da Xunta que conforman a
traxectoria da modificación dos estatutos xa publicados no DOG.
Algunhas modificacións salientábeis
Entre os cambios máis destacados, o novo redactado
permite a colexiación dos novos títulos de máster, adaptados ao
Espazo Europeo de Ensinanza Superior (EEES). Asemade, o artigo 4
sinala explicitamente, na súa nova redacción, a posesión do título
de Enxeñaría en Informática. Fíxase desta maneira: “O Colexio
agrupará baixo a denominación de membros colexiados de número as
persoas españolas e estranxeiras que exerzan a profesión de
enxeñaría en informática por estar en posesión do título de
Enxeñaría en Informática, dun título universitario oficial
vinculado coa profesión de enxeñaría en informática ou ben se
atopen en posesión dun título universitario debidamente homologado
ou declarado equivalente ao anterior polo ministerio competente”.
Pola contra, na versión xa derrogada sinalábase:
“Por estar en posesión dun título universitario oficial vinculado
coa profesión de enxeñaría en informática ou ben se atopen en
posesión dun título universitario debidamente homologado ou
declarado equivalente ao anterior polo ministerio competente”.
O CPEIG tamén fai fincapé no artigo 11, que sinala
que o requisito para ser colexiado é “estar en posesión do título
de Enxeñaría en Informática, dunha titulación universitaria
oficial vinculada co exercicio da profesión de enxeñaría en
informática, ou ben atoparse en posesión dunha titulación
universitaria”, cando na anterior redacción non se sinalaba
especificamente a devandita titulación.