O CPETIG quere espertar as vocacións tecnolóxicas cos obradoiros Girl STEAM
martes, 27 de xuño do 2023
O Colexio
Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), dentro do
convenio de colaboración que mantén coa AMTEGA, dá
inicio ao programa Girl STEAM, unha actividade para espertar as vocacións
científico-tecnolóxicas entre a rapazada de entre 8 e 15 anos a través de
obradoiros prácticos impartidos a través da rede de Aulas CeMIT de Galicia nun
total de 15 concellos.
A primeira parada
deste itinerario será o 4 de xullo en San Sadurniño e a clausura organizarase
no GaiásTech, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o vindeiro 8 de
setembro. Participan tamén durante os meses de xullo e agosto os seguintes
concellos: Leiro, Betanzos, Ribeira, Ortigueira, A Estrada, Oroso, Celanova,
Cuntis, Guitiriz, Valga, Barreiros, Ribadeo e Vigo.
A formación está
encamiñada a impulsar actividades de mentorado en idades temperás,
especialmente dirixidas ás nenas, para espertar o seu interese e reforzar a
confianza nas súas capacidades para cursar estudos “STEAM”. O traballo
realizarase a través de obradoiros formativos prácticos onde poder experimentar
coa tecnoloxía, incorporando as Artes ao tradicional itinerario STEM (ciencia,
tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).
Contidos adaptados para proxectos específicos
Co obxectivo de
ofrecer contidos plenamente adaptados aos distintos grupos de idade
participantes no Girl STEAM 2023, a organización do evento deseña para a
primeira franxa de idade (8-11 anos) unha actividade por equipos a partir dun
circuíto de luces LED para que se constrúa unha historia, fotograma a fotograma,
e a partires de aí presentar unha peza audiovisual en formato stop motion.
Para o grupo de
12 a 15 anos, o traballo estará enfocado á creación de tecidos intelixentes.
Haberá programación de sensores con Arduino para construír, por grupos, un
proxecto sobre unha prenda téxtil que reacciones aos cambios ambientais, de
distancia, luz, inclinación, etc.