O Campus de Pontevedra acolle un novo curso sobre as vantaxes do OpenOffice

martes, 1 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Dar conta das vantaxes do software libre para tódolos implicados na docencia (profesores, estudantes, investigadores) é un dos grandes obxectivos da nova actividade formativa sobre código aberto organizada no Campus de Pontevedra. Máis polo miúdo, trátase dun curso dirixido a achegar coñecemento sobre as moitas funcionalidades do paquete ofimático OpenOffice, a suite equivalente ao Microsoft Office e que, entre outras cousas, diferénciase dela en que é de balde (tanto adquirila como actualizala) e conta no seu desenvolvemento constante co apoio dunha comunidade internacional de usuarios con raizames ben firmes. A actividade formativa en cuestión, que tamén fará fincapé nas funcións da plataforma (procesador de textos, follas cálculo, bases de datos, presentacións multimedia, etc), preséntase baixo o epígrafe Openoffice e o seu uso na docencia universitaria.
Insírese no Programa de Formación Permanente de Profesorado da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, que chega a Pontevedra tras realizarse no campus de Vigo no mes de marzo.
Segundo informa a Universidade de Vigo, o prazo da matrícula ficará aberto ata o vindeiro xoves 6 de xuño, sendo posible formalizala a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual. Achegaranse un total de 20 prazas, que se irán cubrindo por orde de inscrición e que se celebrarán entre o 7 e o 14 de xuño na Escola Universitaria de Fisioterapia.
O encargado de impartir os contidos teóricos e prácticos será o profesor da ETS de Enxeñaría Informática Xosé Antón Vila Sobrino.