O Centro Demostrador TIC mostra como establecer e usar unha licenza libre

venres, 19 de maio do 2017 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) a través do Centro Demostrador TIC (CDTIC) organiza o curso Como establecer e como usar unha licenza de software libre e que implicacións ten para a miña empresa. Nesta actividade formativa explicarase que é unha licenza de software e quen pode establecela, e trataranse conceptos básicos sobre a propiedade intelectual. Tamén se fará unha introdución ás licenzas específicas para publicacións. Finalmente, verase algún exemplo práctico orientado ao eido empresarial sobre como establecer unha licenza ou que aspectos cómpre ter en conta á hora de escoller un software de terceiros.
O curso está principalmente orientado a empresas que queren publicar algún contido con licenzas abertas ou teñen a necesidade de integrar outros compoñentes de programas open source nos seus proxectos ou fluxos de traballo.
A persoa encargada de impartir o obradoiro será Pablo Sanxiao Roca, enxeñeiro técnico en Informática pola Universidade da Coruña e mestrado en Software Libre pola Universidade Rey Juan Carlos I. Pablo é socio fundador de iCarto, empresa especializada en tecnoloxías de información xeográfica open source, consultor especializado en software libre e colaborador na Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA. Ademais, é membro da GNOME Foundation, do capítulo hispano-falante da Fundación OSGeo e do Board do Comité de Dirección Técnica de gvSIG. A maiores, é socio fundador de Ghandalf, asociación para a difusión do software libre en Galicia.

PUBLICIDADE