O Centro Social Novacaixagalicia de Vigo lánzase a formar á cidadanía nas vantaxes de apostar polo software libre

mércores, 6 de febreiro do 2013 Redacción

O Centro Social Novacaixagalicia de Vigo vai dar acubillo a unha serie de actividades dirixidas a ampliar os coñecementos en programación aberta dos nosos profesionais da informática e do desenvolvemento web e máis dos usuarios en xeral de ferramentas TIC. Máis polo miúdo, trátase dunha cumprida listaxe de obradoiros que tocan cuestións como por exemplo os diferentes xeitos de tirarlle partido á plataforma virtual Moodle ou as vantaxes que podemos atopar de converternos ao software libre dende diferentes planos de realidade (como usuarios de a pé, como empresas ou ben como representantes das institucións públicas). A intención da Fundación Novacaixagalicia, segundo nos contan dende Mancomún, é a de estender esta liña de actividade a cidades como Coruña e Santiago. Cómpre estar atentos.
O programa inclúe as seguintes actividades:
· Obradoiro Moodle para docentes. Nivel básico de introdución a esta plataforma virtual de apoio no ensino e que permite, entre unha serie variada de servizos, compartir recursos de coñecemento ou dinamizar a recepción e a avaliación de traballos. Obradoiro de 10 horas de duración repartidas nos martes e xoves pola tarde, de 19:15 a 21:15 horas dende o 5 ata o 19 de febreiro.
· Obradoiro dar o chimpo ao software libre, máis doado do que pensas (Linux) Obradoiro de 10 horas de duración repartidas nos martes e xoves pola tarde, de 17:00 a 19:00 horas dende o 5 ata o 19 de febreiro. Neste obradoiro aprenderase aos asistentes como facer o cambio e coñecer todo un abano de posibilidades para o seu día a día informático.
· Obradoiro Drupal. Nivel iniciación Obradoiro de 12 horas de duración repartidas nas mañás dos sábados 4, 11 e 18 de maio de 10:00 a 14:00 horas. Neste obradoiro os alumnos tomarán contacto cos conceptos básicos do emprego de Drupal como Sistema Xestor de Contidos (CMS) web. O obxectivo é que os participantes poidan, sen ter coñecementos técnicos específicos de programación web, construíren e xestionaren unha páxina web plenamente funcional e atractiva.
· Obradoiro Drupal. Nivel intermedio. Obradoiro de 12 horas de duración repartidas nas mañás dos sábados 25 de maio e 1 e 8 de xuño de 10:00 a 14:00 horas. Neste obradoiro afondarase en como tirar máis partido dunha instalación básica de Drupal, facendo que ofreza moitas máis funcionalidades a maiores, de forma que se poida utilizar para propósitos específicos máis alá dunha páxina web, como poida ser un escaparate virtual de produtos, unha intranet corporativa, un sistema xestor de tarefas, etc.
· Obradoiro Drupal. Nivel avanzado. Obradoiro de 12 horas de duración repartidas nas mañás dos sábados 15, 22 e 29 de xuño de 10:00 a 14:00 horas. Este obradoiro, o máis técnico dos tres que se basean en Drupal, está dirixido a acadar o máximo nivel de personalización do devandito xestor.
· Obradoiro de instalación de servidores domésticos multimedia (Mediacenter). Obradoiro de 10 horas de duración repartidas nas tardes dos luns do 6, 13, 20 e 27 de maio e 3 de xuño de 19:00 a 21:00 horas. Aprenderase a instalación e uso de servidores multimedia para uso doméstico “dunha maneira sinxela e entretida tentando que calquera usuario poida levalo a cabo nun PC de gama media”.