O Club da Ciencia chega xa a 175 centros educativos galegos e cun orzamento de 200.000 euros
luns, 21 de agosto do 2023
A Consellería de Cultura e Educación impulsa un
ano máis as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis
novos a través dunha nova edición do Club
de Ciencia, cuxo obxectivo é fortalecer, visualizar e potenciar
a nova importante canteira de talentos STEM (siglas de Ciencia,
Tecnolóxica, Enxeñaría e Matemática).
O programa comezou a desenvolverse no curso
2016/17 con dez centros, chegando aos 175 centros participantes no
último ano académico. O orzamento total destinado para o vindeiro
curso ascende a 200.000€.
En concreto, a finalidade do Club de Ciencia é
“proporcionar un escenario propicio para desenvolver estratexias
metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas, a
través dun convite ao descubrimento, que aumenten o interese dos
participantes por mergullarse nos diversos eidos da ciencia e as súas
posibilidades de aplicación na tecnoloxía”, explicou a
Consellería, engadindo que a creación destes contornos de
aprendizaxe impulsan vocacións STEM e encamiñan o alumnado cara a
estas titulacións no eido universitario.
Esta actuación enmárcase na Estratexia Educación
Dixital 2030 da Consellería de Cultura, Educación, Formación
Profesional e Universidades, como unha das medidas que propician o
fomento e desenvolvemento de programas destinados á mellora das
competencias dixitais e científico-tecnolóxicas do alumnado.
Os centros interesados en incorporarse a esta
iniciativa poderán formalizar a súa solicitude ata o 18 de setembro
de 2023 a través da aplicación informática de Programas
Educativos.