A matemática Rosa Díaz, nova Colexiada de Honra do CPEIG
luns, 17 de xuño do 2024
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu outorgar o Premio Colexiada de Honra á matemática e directora do Observatorio Nacional de Tecnología y Sociedad (ONTSI), Rosa Díaz Moles. A distinción será entregada no marco da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebra este venres 21 de xuño en Santiago.
“Ser galardoada con esta distinción do CPEIG é unha honra inmensa e profundamente emotiva para min. Como matemática, ver recoñecido o meu traballo no ámbito da Enxeñería Informática é moi gratificante. Agradezo sinceramente este recoñecemento que pon de manifesto que as nosas disciplinas están ligadas e que xuntos e xuntas podemos seguir innovando e mellorando a nosa sociedade”, sinalou a nova Colexiada de Honra.
Rosa Díaz conta cunha sólida experiencia no sector TIC, con máis de 20 anos de traxectoria tanto no ámbito privado como no sector público estatal. É licenciada en Ciencias Exactas pola Universidade Autónoma de Madrid e conta na súa formación, entre outros, cun programa de Dirección Xeral polo IESE.
Uniuse ao Instituto Nacional de Ciberseguridad de España (INCIBE) como subdirectora de Apoio á Empresa e I+D+i en 2019 e, posteriormente, foi nomeada directora xeral ata xuño de 2022, data na que foi nomeada directora do ONTSI en Red.es. Tamén foi vicepresidencia do Foro Nacional de Ciberseguridad desde a súa creación ata 2022 e desempeñou diferentes cargos directivos en empresas como Sage, Santander Elavon e Panda Security.
Dada a súa traxectoria profesional ligada ao papel das novas tecnoloxías na sociedade, Rosa Díaz destaca que o desenvolvemento tecnolóxico pode describirse como un fenómeno profundamente transformador, que facilita avances significativos en economía, saúde, educación e comunicación, e que mellora a eficiencia, a accesibilidade e a calidade de vida. “A tecnoloxía democratizou o acceso á información e abriu novas vías para a innovación e a creatividade”, indicou.
Subliña, porén, que estes avances tamén presentan grandes desafíos como a brecha dixital, que perpetúa as desigualdades existentes entre os e as que teñen acceso amplo a tecnoloxías dixitais e quen non ten ese acceso. Tamén preocupan a privacidade e seguridade dos datos: “A medida que acumulamos e compartimos máis información en liña, aumenta o risco para a nosa privacidade, medra a nosa exposición e a posibilidade de sufrir ataques cibernéticos. De aí a necesidade de políticas robustas e tecnoloxías de seguridade avanzadas para protexer a información sensíbel da nosa cidadanía, empresas e administracións públicas”.
Outro desafío que sinala Díaz é o impacto no emprego, onde a automatización e a intelixencia artificial están redefinindo os roles laborais tradicionais, creando unha necesidade “urxente” de reskilling e upskilling nas persoas traballadoras para que poidan adaptarse e non deixar a ninguén atrás. Finalmente, Rosa Díaz indica que outro reto é a ética na tecnoloxía, especialmente na Intelixencia Artificial, unha área de preocupación crecente: “Asegurar que os sistemas tecnolóxicos operen de maneira xusta e sen nesgos involucra consideracións éticas e normativas que aínda están en desenvolvemento”, apunta.
Fundadora e vicepresidenta de Woman4Cyber Spain, asociación para o impulso e visibilización do papel da muller en ciberseguridade e na diversidade de xénero no sector en España Rosa Díaz pertence a diferentes grupos que teñen como obxectivo dar visibilidade á muller en postos de liderado dentro do mundo dos sectores da tecnoloxía. É fundadora e vicepresidenta da asociación Woman4Cyber Spain, iniciativa que nace co obxecto de converterse nun referente no impulso e visibilización do papel da muller en ciberseguridade en España, así como a diversidade de xénero no sector.
Para estimular e potenciar o papel da muller no sector TIC, Rosa Díaz indica que é necesario dar respostas “globais e conxuntas”, ademais da colaboración publico-privada entre administracións públicas, entorno empresarial e ámbito académico. Tamén sinala que é fundamental o papel das familias e colexios en idades temperás: “Aínda hoxe é máis frecuente que as familias non coñezan certas profesións vinculadas ao sector da enxeñería, ao sector TIC, por tanto, animan á xente nova, especialmente ás mozas, a decantarse por estudos cuxa finalidade está máis claramente definida e divulgada”. Para ela, “a escola ten moito que facer, e xunto á familia, son un piar crave para educar en igualdade desde a nenez e ter unha sociedade máis inclusiva e sostíbel”.