O uso da IA mellorará a busca de emprego en Galicia

luns, 17 de xuño do 2024 Redacción

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que vaise reformar o uso de intelixencia artificial no Servizo Público de Emprego para “poder facer o perfilado competencial de máis de 70.000 persoas nun ano” e mellorar as súas oportunidades e inserción laboral. O obxectivo é casar oferta con demanda no ámbito laboral para poder cubrir “os 15.000 postos de traballo que hai vacantes en Galicia”. Rueda lembrou que a Xunta está a levar a cabo “a implantación progresiva de ferramentas con intelixencia artificial para mellorar os servizos públicos”.
A medida hoxe aprobada enmárcarse na modernización que se está levando a cabo do Servizo Público de Emprego e permite incorporar datos de calidade á ferramenta software EMi, dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia para casar oferta e demanda laboral en tempo real mediante intelixencia artificial. “Somos a primeira comunidade en contar cunha ferramenta” deste tipo, engadiu o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.
Así, a Xunta busca avanzar na súa aposta para detectar mellor as competencias que se deben traballar e “para facilitar aos orientadores laborais a toma de decisións”, indicou Rueda, co fin de aumentar a empregabilidade das persoas usuarias.
A iniciativa está dirixida ás persoas demandantes de emprego que permanezan polo menos 30 días en situación de desemprego. Tamén forman parte dela as que participan no programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que no seu primeiro ano de funcionamento facilitou a contratación de máis de 3.700 galegas e galegos.
Este programa de seguimento de emprego permite centrar o traballo da EMi nos demandantes efectivos de emprego que se achegan ás oficinas. Neste sentido, no caso de que non se acepten as ofertas de emprego axeitadas a través do perfilado competencial e, máis alá de causas xustificadas, isto podería desembocar nun procedemento sancionador que determine a suspensión da súa inscrición e a perda dos beneficios asociados.

PUBLICIDADE