O Concello de Lousame e a Fundación Amigos de Galicia achegarán as novas tecnoloxías ás persoas maiores
xoves, 4 de maio do 2023
O
Concello de Lousame colabora coa Fundación Amigos de Galicia e a
Xunta de Galicia na posta en marcha do programa Nosos maiores,
mellor acompañados. Trátase dunha iniciativa de balde para a
poboación sénior de Lousame, que pon o foco naquelas persoas que
viven soas e con vistas a promover un envellecemento activo mediante
a súa sociabilización e dixitalización.
Para
conseguilo, Concello e Fundación organizarán catro sesións nas que
lles ensinarán a manexar o teléfono móbil e os ordenadores para
realizar xestións a través de Internet (pedir citas médicas ou coa
Administración, banca electrónica…). Serán un total de 10 horas
de formación, repartidas en catro sesións que se van celebrar os
venres 12, 19 e 26 de maio, así como o 2 de xuño. As clases terán
lugar na escola do Sanguiñal, en horario de 10:00 a 12:30 horas. A
participación é gratuíta, sendo preciso anotarse previamente no
Departamento de Servizos Sociais de Lousame (981 820 494).
Os
obradoiros contan cun simulador de caixeiro automático bancario e
teléfono móbil para que, de forma práctica, as persoas maiores
poidan experimentar unha aprendizaxe significativa e interiorizar as
actividades propostas; tales como solicitar unha cita médica a
través da aplicación móbil do SERGAS, gardar quenda no seu centro
de saúde, sacar diñeiro no caixeiro, actualizar a súa cartilla ou
manexar os seus teléfonos móbiles.
Trátase,
en palabras do Concello, “duns obradoiros prácticos e sinxelos que
teñen como obxectivo final favorecer a independencia dixital das
persoas maiores de Lousame, para que así poidan levar a cabo as súas
tarefas diarias de maneira autónoma”.