O Concello de Lugo mellora con IA a accesibilidade e a seguridade do Seminario para persoas xordas
xoves, 14 de xullo do 2022
O
edificio
administrativo do Seminario, en Lugo, dispón xa dun novo sistema
intelixente smart que mellorará a accesibilidade das
persoas xordas e con perda auditiva. Trátase dun mecanismo en
fase de probas baseado na Intelixencia Artificial mediante o
recoñecemento de sons que foi implantado no andar baixo e no segundo
andar do inmóbel onde se sitúan os departamentos con servizo de
atención ao público.
O
proxecto, enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae e impulsado dende
área de Benestar, supuxo a colocación de dous dispositivos que
recollerán as alertas sonoras (alarmas de incendio, saltos de
quenda, timbres, etc) e mostraranas con feitura de notificacións
visuais e sensoriais a través das luces interiores, así como nos
terminais intelixentes das persoas usuarias (smartphones,
tabletas, smartwatchs...) mediante a aplicación móbil
Visualfy, de descarga gratuíta.
O
Concello explicou que “para trasladar estes avisos dunha forma
gráfica foron instaladas catro lámpadas de sinalética,
distribuídas en corredores e salas de espera, que funcionan como
luces de emerxencia nas que se sucederán as indicacións, acompañada
cada unha delas dun cartel informativo coas lendas, o código de
cores dos avisos e as indicacións para as persoas usuarias sobre
como subscribirse”.
A
concelleira de Benestar explicou que foi tido en conta garantir a
accesibilidade nos baños que, neste sentido, adoitan ser puntos
cegos. “Para iso, estes espazos, seis en total, foron dotados dun
plafón cunha lámpada Wi-Fi E-27, que pasarán desapercibidas pero,
en caso de emerxencia ou necesidade de notificación, iluminaranse da
cor determinada ao efecto”, sinalou, engadindo que “ante
emerxencias como un incendio as lámpadas de sinalética prenderán
en vermello e serán visíbeis desde calquera parte da construción
mesmo sen Internet ou sen electricidade, primando a seguridade en
todo momento”.
A
edil engadiu que dende o panel de control do sistema o persoal
designado como xestor do edificio poderá crear mensaxes
personalizadas que comunicará a través das luces, as lámpadas de
sinalética e as alertas que recibirán aquelas persoas que dispoñan
da app de Visualfy.
“Esta
solución de accesibilidade, ao estar baseada en Intelixencia
Artificial e Internet das Cousas, permitirá a súa actualización
continua, a súa flexibilidade e a súa escalabilidade, non só para
aquelas persoas con perda auditiva, senón que incrementará a
seguridade e saúde de todos os traballadores e traballadoras,
creando unha contorna laboral libre de ruídos innecesarios”,
subliñou Olga López.
O
proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80%
pola Unión Europea a través do FEDER, que ten entre os seus
obxectivos mellorar o uso e a calidade das TIC (Tecnoloxías da
Información e a Comunicación) e o acceso ás mesmas. Dentro deste
obxectivo, o Goberno de Lara Méndez está a traballar na eficiencia
da Administración Electrónica e no desenvolvemento da cidade como
Smart City.