O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos do Campus de Ourense entregará 1.400 euros en premios
venres, 13 de novembro do 2015
O 15º
Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, organizado pola Escola
Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e
Expourense, ten aberto o seu prazo de inscrición ata o día 26 de
novembro. Segundo informa a organización, o alumnado das
universidades galegas e do Norte de Portugal que cursen titulacións
da área de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC)
poden presentar os seus traballos fin de carreira ou fin de mestrado.
A contía total dos premios ascende aos 1.400 euros.
O obxectivo desta
iniciativa é “vincular as actividades de I+D+i da universidade no
terreo da informática e as telecomunicacións co mundo empresarial”,
sensibilizando ás empresas sobre o que lles pode achegar a
aplicación da innovación e a investigación para o aumento da
produtividade e da competitividade e estimulando a capacidade
innovadora dos estudantes para “desenvolver proxectos cunha visión
empresarial”. Máis polo miúdo, poden participar no certame
alumnos e alumnas das universidades de Eurorrexión Galicia-Norte de
Portugal.
Na modalidade A do
concurso concorren os títulos de Enxeñaría en Informática,
Enxeñaría de Telecomunicación e traballos de fin de mestrado de
mestrados oficiais relacionados co terreo das tecnoloxías da
información e as comunicacións. Na modalidade B participan os
títulos de grao en Enxeñaría Informática, grao en Enxeñaría de
Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría Técnica en
Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación. Tamén
haberá un Premio Especial Deputación de Ourense-Provincia
Intelixente no que poden participar alumnos e alumnas pertencentes á
modalidade A ou B. Todos os premios, que oscilarán entre os 400 e os
150 euros, estarán acompañados dun trofeo. Por último, entregarase
un premio do público, dotado cunha estancia nun balneario ou un
e-reader, para o proxectos que consigan máis seguidores na
súa páxina en Facebook ata as 12.00 h. do día 9 de decembro.