O DOG en papel ten os días contados

luns, 21 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Abril de 2011 vai ser a data na que, definitivamente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) se deixará de publicar en papel para publicarse unicamente en formato dixital.
Así se recolle no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), que vén de publicar o concurso que suporá a desaparición da edición impresa do DOG e o establecemento da súa edición electrónica como única publicación (tal e como xa recollía o decreto que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes).
Coa creación do DOG electrónico, a Xunta garantirá un servizo público universal, de consulta gratuíta e libre acceso a través da Rede, sen límites temporais nin territoriais; “que suporá a simplificación dos procesos de produción, a redución dos tempos de edición e a racionalización do seu gasto, ao suprimir os custos superfluos”, afirman.
Os servizos obxecto do concurso, que requiren un alto grado de especialización, resúmense nas fases de corrección, composición e maquetación, sinatura e, finalmente, novo cotexo galego-castelán antes da súa publicación na Web.
A dixitalización do DOG, que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza leva a cabo dacordo “cos criterios de austeridade e economía” que inspiran as súas últimas actuacións en materia de relacións coa cidadanía, supón un paso máis no obxectivo do Executivo por acadar unha administración máis moderna e reducir o gasto público.

PUBLICIDADE