O Fondo Tecnolóxico Europeo, a disposición das empresas galegas
luns, 7 de setembro do 2009
O vindeiro
mércores, 16 de setembro, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en
Santiago de Compostela, vai acoller a xornada, Colaborar para innovar: as oportunidades do Fondo Tecnolóxico Europeo
para Galicia, que organiza a Consellaría de Economía e Industria, como acto
central das celebracións do Ano Europeo da Creatividade a da Innovación en
Galicia.
A iniciativa
ten como principal obxectivo estimular a participación galega nos programas
estatais que xestiona o Fondo Tecnolóxico, presentando perante os axentes do
Sistema Galego de Innvación, as ferramentas a través das que poden optar a el,
así como os servizos de apoio cos que poden contar por parte das
administracións.
Asemade, esta
xornada, coa que se pretende sensibilizar ao empresariado galego sobre a
importancia de cooperar no ámbito da I+D+i, contará coa participación dos
principais axentes do Sistema galego de Innovación: universidades, centros
tecnolóxicos, organismos públicos de investigación, organismos de
intermediación, e incluso empresas, por ter todos eles “un papel protagonista na tarefa de implantar unha nova estratexia común
de desenvolvemento económico baseada na I+D+i”.
As persoas
interesadas en acudir a este evento, deberán formalizar a súa inscrición, de
balde, na sección da
Axenda da web da Dirección Xeral de I+D+i, a partir da vindeira semana.
As oportunidades de
financiamento a través do Fondo Tecnolóxico
Segundo veñen de anunciar
os responsables deste proxecto, a Galicia “correspóndenlle
máis de 450 millóns de euros do Fondo Tecnolóxico europeo para o periodo 2007-2013”, que se destinarán,
segundo afirman, “a impulsar o
desenvolvemento tecnolóxico de Galicia baseado na investigación e mais na
innovación”, por ser este un dos obxectivos prioritarios e transversais que
comparten tódalas consellerías da Xunta.
Polo momento, 39 empresas
galegas xa se beneficiaron deste financiamento, a maioría delas a través de
proxectos xurdidos das plataformas tecnolóxicas galegas, consumindo 8,4 millóns
de euros deste fondo.
Xa que logo, o mesmo día
terá lugar unha mesa redonda con representantes de cinco proxectos galegos
financiados a través de CDTI con cargo ao Fondo Tecnolóxico europeo na que se
exporán as características destes para que sirvan como modelo para o resto de
entidades que poderían optar á presentación de proxectos. Por outra banda, o
programa tamén reserva un espazo para os organismos de intermediación como
dinamizadores da I+D+i. Centros e parques tecnolóxicos, redes, clústers,
asociacións ou confederacións propician a interacción entre o contorno
científico e o tecnolóxico e favorecen as relacións entre axentes.
Por último, desenvolverase
unha sesión dirixida a introducir técnicas de innovación nas organizacións a través
da creatividade por parte dun representante do proxecto Disonancias, recoñecido pola Comisión Europea como exemplo de boas
prácticas no ámbito da creatividade e da innovación. Este exporá, entre outras
cousas, como a través da colaboración entre artistas e axentes do Sistema de
I+D+i se chega a novas e diferentes vías de innovación.
O acto de
inauguración da devandita xornada contará coa participación do conselleiro de Economía e
Industria, Javier Guerra Fernández, e o director xeral do Centro para el
Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), Maurici Lucena Betriu.
Co obxectivo de
incrementar esta participación, a Consellería de Economía e Industria organiza
esta xornada en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico
Industrial (CDTI) e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).