O GIMP achega a súa interface á do Photoshop

mércores, 16 de abril do 2008 Marcus Fernández

A agrupación de documentos no GIMP nunha mesma fiestra supón un importante cambio

O GNU Image Manipulation Programa (máis coñecido coma GIMP) é a aplicación libre máis coñecida como alternativa ao Adobe Photoshop para o retoque fotográfico, e finalmente incorpora unha serie de características demandadas polos usuarios coma o feito de que os distintos gráficos a editar se amosen dentro dunha fiestra común (e non en fiestras independentes sobre o escritorio) ou que a paleta de ferramentas se comporte dun xeito semellante á do programa de Adobe.
Estas novas prestacións se poden ver na última versión de proba de GIMP (recoméndase seguir empregando a última versión estable mentres non estea máis madura a versión 2.5, ou sexa, ata a versión 2.6) que tamén conta cun núcleo gráfico totalmente reconstruído, conseguindo maior profundidade de cor. De tódolos xeitos, todo apunta a que a principal novidade coa que contará o GIMP 2.6 é que será máis semellante ao Photoshop que a 2.4, polo que será unha aplicación máis doada de empregar para moitos usuarios, reforzando a súa posición como alternativa aberta a un programa con código propietario.