O GPUL anuncia unha nova edición das súas Xornadas Libres

luns, 25 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

A edición 2011 das xornadas /Imaxe de Txenoo

O Grupo galego de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) anunciou estes días pasados unha nova entrega, a número doce xa, dos seus encontros de cultura e tecnoloxía en aberto para a difusión e o pulo da mesma. As XII Xornadas Libres do GPUL serán, coma vén sendo costume, unha proba máis de que o open source non é só un tipo de tecnoloxía, é tamén un xeito de traballar e unha filosofía de vida aplicable a todo. Neste caso concreto, aplicable ao formato tradicional dunhas xornadas de divulgación e reflexión, que serán (as do GPUL) como software libre cobrando vida. Indo ao miolo do asunto, dicir que teremos a oportunidade de asistir a conferencias, obradoiros e concursos “con contidos do máis heteroxéneo, pero sempre xirando arredor do mundo da cultura libre”.
Ou sexa, xirando arredor do software libre, hardware libre, estándares abertos, licencias, propiedade intelectual e un amplo etcétera de cousas. As xornadas celebraranse do 22 de abril ao 26 do mesmo mes, na Facultade de Informática da Coruña, sendo a data de remate para formalizarmos a achega de propostas o 4 de abril ás 23.59 horas. Sobre o fornecemento de iniciativas particulares a tratar durante as xornadas, a organización sinala que deberán ser enviadas a través da plataforma creada para tal fin, sendo preciso rexistro previo e cubrindo correctamente o respectivo formulario web.