O GPUL celebra en outubro unha nova edición do seu Hackatiño

martes, 29 de agosto do 2017 Redacción

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), con sede de operacións na Facultade de Informática da Coruña, recolle o fío da súa incansábel actividade a prol da difusión do software libre e organiza, a comezos do outono, a segunda edición do seu Hackatiño de datos abertos, que desta volta centrará boa parte do seu programa en ferramentas e solucións para o fomento da mobilidade sustentábel. O evento conta coa colaboración das asociacións Árticos, o GDG Coruña e mailo Concello (a través da área de Participación e Innovación Democrática que dirixe Claudia Delso). Celebrarase no centro municipal Ágora o vindeiro 7 outubro. Terá formato de xornada aberta á cidadanía.
Segundo informa o Concello, o Hackathiño é un evento que xuntará a profesionais do desenvolvemento de datos abertos, xornalistas, deseñadores e deseñadoras co obxectivo de idear proxectos que melloren, a través de datos abertos, un aspecto en concreto da sociedade. Como na anterior edición, os e as asistentes a este encontro tratarán de aproveitar ou xerar datos en formato aberto e a tecnoloxía sen cancelas. Estes serán publicados cunha licenza de carácter libre que permitirá a súa reutilización para calquera uso.
Do mesmo xeito có ano pasado, varios e varias expertas en temas como a liberación, a visualización ou a análise de datos, traballarán cos equipos que terán a oportunidade de aprender da súa experiencia de primeira man. Os mellores proxectos do presentados recibirán un agasallo. O prazo de inscrición xa está aberto, e pode realizarse a través da web https://hackathino.gpul.org, onde está dispoñíbel toda a información acerca do evento.
Segundo lembra o Concello, o evento contribuíu o ano pasado ao pulo de iniciativas tan salientábeis como a integración de datos de uso en tempo real dos servizos de BiciCoruña ao abeiro do proxecto aberto e internacional Citibik.es, e outros proxectos como OpenPet, para agrupar datos de protectoras de animais.

PUBLICIDADE