O GPUL celebra o 9 de abril un Hackaton open source sobre a Internet das Cousas
luns, 14 de marzo do 2016
O Grupo de
Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), con sede de operacións na
Facultade de Informática da Coruña, está esta tempada mergullado
de cheo na promoción da tecnoloxía aberta con vistas a facer da
nosa terra un polo de desenvolvedores libres. Falamos dos GPUL
Labs, actividades de divulgación e formación open source
que, en palabras do grupo, están “a ter unha gran acollida e
repercusión no entorno tecnolóxico galego”. Co obxectivo de
chegar o máis lonxe posible nos ditos obxectivos, o grupo xa ten
publicada unha nova
remesa de actividades, todas ao redor dun proxecto baseado en
tecnoloxías libres, así como un primeiro
Hackathon de desenvolvemento sobre Internet das Cousas (IoT) na
cidade da Coruña, unha cita na que se convidará aos asistentes a
deseñar pequenos prototipos baseados en software e hardware libre.
Será, comentan os organizadores, “un día completo de traballo
colaborativo”.
Por certo que a entrada
ao Hackaton, que se celebra o 9 de abril, é totalmente de balde.
Ademais, os participantes disporán de hardware para desenvolver o
seu proxecto, como por exemplo Raspberrys, Arduinos e sensores para
facer probas. A organización, que tamén asume os gastos
relacionados coa manutención durante a xornada, busca con esta
actividade “facer piña e crear unha comunidade de desenvolvedores
preocupados polas tecnoloxías libres e que impulsen proxectos de
código aberto”. A actividade conta co apoio orzamentario da firma
galega LibreBit, centrada na achega de solucións tecnolóxicas open
source. Tamén colaboran a Facultade de Informática, a
Universidade da Coruña, a axencia AMTEGA e a Xunta de Galicia.
Polo que se refire á
devandita nova remesa de actividades que prepara o GPUL, sinalar que
no programa inclúense charlas core (Intro a Python, Git e,
GitHub, Programando una Raspberry, Git avanzado e code review,
Scrum/metodoloxías áxiles, Django Framework, APIs REST e ReactJS)
e charlas adicionais (Tests en Django e Travis CI, Android /
Firefox OS, Docker e despregue de aplicacións, LaTeX, MongoDB, etc).
