O GPUL introduce aos estudantes nas vantaxes do sistema libre Git

martes, 15 de novembro do 2016 Redacción

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) organiza na tarde deste mércores 16 unha sesión de introdución a Git, o sistema libre de control de versións. Git, como lembraremos, é unha ferramenta-motor desenvolvida para incrementar a eficiencia, a rapidez e a empregabilidade no mantemento de versións de aplicacións cando estas teñen unha elevada cantidade de arquivos de código fonte. Segundo informa GPUL, trátase do máis completo dos recursos das súas características que podemos atopar arestora. Na sesión deste mércores, o grupo amosará os conceptos básicos desta ferramenta, “moi empregada a día de hoxe para a xestión do código en proxectos tan relevantes como o Kernel de Linux, Gnome, KDE e PostgreSQL”, sinala o GPUL.
Segundo engade, Git “permítenos traballar en equipo sobre o mesmo código e ao mesmo tempo sen ter problemas, ter as diversas versións da nosa aplicación estruturadas de maneira doada, almacenar o código nun acubillo externo e moitas opcións máis, moi útiles no traballo diario dos desenvolvedores”.
Este tipo de actividades do GPUL encádranse no marco de actividades orientadas sobre todo aos novos estudantes de informática como complemento e axuda na formación como futuros enxeñeiros. A charla de introdución impartirase na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. A entrada é libre e sen inscrición.