O GRUVI achega ás entidades sen ánimo de lucro unha nova convocatoria para obteren computadores reciclados

mércores, 8 de outubro do 2014 Redacción

O Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo (GRUVI), xurdido ao abeiro do curso 2005/2006, segue adiante brindando novas vidas para os equipos informáticos obsoletos do ámbito académico (aulas e oficinas universitarias, principalmente). Esta semana, e co inicio do novo curso, o grupo informou que seguen abertas as portas para que as nosas entidades sen arela de lucro poidan facerse con estes aparellos reacondicionados e postos a punto con software libre. Ao fío disto, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais abriu o prazo xa para que todas as asociacións interesadas poidan novamente presentar as súas solicitudes.
Co prazo aberto ata o vindeiro día 20, esta convocatoria vai dirixida a calquera entidade sen ánimo de lucro con sé nas provincias de Pontevedra ou Ourense. Unha vez pechado, procederase á selección dos destinatarios definitivos. Todos os equipos, unha vez asignados, levarán instalados programas de software libre o máis axeitados posible para cubrir as necesidades específicas dos adxudicatarios. Ademais, haberá a disposición dos receptores un servizo de asesoramento no referente ao seu funcionamento “por se tivesen algunha dúbida ou non estivesen familiarizados con este sistema”, informa a Universidade de Vigo. A maiores, o día da entrega, un integrante de GALPon impartirá unha pequena formación sobre o software libre incluído en cada caso.
A Universidade lembra que durante a pasada edición, o equipamento dispoñible repartiuse entre 24 das 60 asociacións sen ánimo de lucro de toda clase, fin e actividade das que fixeran a solicitude. Nos adxudicatarios atópanse desde asociacións culturais como Trépia, Fiadeiro ou Traspés, asociacións de acción social como Ponte Solidario, Acción Solidaria de Galicia ou A las 5 Acción Social de Emerxencia ata as asociacións de mulleres Algueirada e a Federación de Asociación de Mulleres Anaral e a ecolóxica Amigos da Terra.