O Goberno galego controlará vía satélite as cortas de madeira nos nosos montes
mércores, 16 de marzo do 2022
O
Goberno galego anunciou este 16 de marzo que vai intensificar o
seguimento e a monitoraxe dos traballos forestais a través das máis
avanzadas tecnoloxías. En concreto, controlará as talas de madeira
nos nosos montes a través do satélite. Así o fixo saber o director
xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, no
transcurso dunhas vídeo-xornadas convocadas co gallo do Día
Internacional dos Bosques (o 21 de marzo). Estas sesións están
centradas na dixitalización e a descarbonización, así como no
inventario forestal continuo de Galicia.
Máis
polo miúdo, o director xeral anunciou que o seu departamento vén de
desenvolver unha ferramenta baseada en teledetección lonxana
(Sentinel-2 e/ou outras fontes similares) que posibilita a detección
de cortas no territorio galego, é dicir, “que as propias cortas
serán controladas vía satélite”, comentou, engadindo que se
trata dun proxecto elaborado en colaboración coa Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Neste
contexto, José Luis Chan recordou que en Galicia córtanse ao ano
preto de 10 millóns de metros cúbicos de madeira, máis da metade
do volume de corta en España, e que o número de solicitudes de
corta supera as 55.000 ao ano, dispersas en preto de 85.000
referencias catastrais diferentes e nunha superficie media inferior
ás 0,8 hectáreas. Debido a ese volume, a Dirección Xeral de
Planificación e Ordenación Forestal xa ten operativo un sistema de
control de cortas mediante imaxes satélites que posibilitará á
Administración forestal coñecer en tempo real cando se producen as
cortas.
Segundo
comentou, “se ditas cortas non contan co debido permiso
administrativo, lánzase automaticamente un aviso aos axentes
facultativos medioambientais para que visitan a parcela
correspondente e, de ser o caso, levanten acta para iniciar un
expediente sancionador”. Esta novidade, dixo, súmase á creación
dun repositorio de servizos que permiten automatizar trámites como
son as propias solicitudes de cortas de madeira ou a presentación de
proxectos de ordenación de montes.
Así
mesmo, o director xeral tamén aproveitou para poñer en valor a
plataforma dixital FORTRA (Trazabilidade Forestal), creada pola
Xunta, para que as empresas poidan informar a clientes e consumidores
das características dos seus produtos elaborados a partir de
madeira, incluíndo a súa pegada de carbono, así como o bosque do
que proceden e as operacións de transformación que foron necesarias
para a súa elaboración.