O Goberno galego seguirá avanzando en 2021 na dixitalización das bibliotecas
mércores, 30 de decembro do 2020
O
Goberno
galego vai traballar o ano vindeiro na elaboración dun novo mapa de
bibliotecas, que servirá para diagnosticar a situación actual
destes centros e permitirá garantir o acceso a estes servizos nos
lugares nos que a día de hoxe non contan con eles. A medida foi dada
a coñecer este martes 29 polo secretario xeral de Cultura, Anxo M.
Lorenzo, quen fixo un balance da situación actual da rede galega de
bibliotecas, que, segundo fixo saber, contarán cun medre do
investimento en 2021 até os 7,4 millóns de euros. Con este
crecemento, fortalecerase o sistema bibliotecario e farase avanzar a
súa dixitalización, dixo.
Tamén
lembrou que Galicia supera a media de España de comunidades con
mellor ratio de bibliotecas e puxo o foco nos datos do Anuario de
Estatísticas Culturais de España que cifra en menos de cen os
concellos galegos que carecen de biblioteca local na Comunidade.
Recordou
que un dos obxectivos máis inmediatos da Xunta é o de “concretar
novas ferramentas de cooperación coas administracións locais que
permitan coñecer as necesidades bibliotecarias de cada unha delas”.
Para iso, engadiu, a Xunta elaborará o segundo mapa de bibliotecas
de Galicia, unha ferramenta posta á disposición dos concellos que
“amosará a situación actual e permitirá facer diagnose de
necesidades de servizo bibliotecario de cada municipio”. De xeito
complementario, desenvolverase o proxecto de bibliotecas itinerantes
para garantir o acceso deste servizo á maior parte dos usuarios na
Comunidade.
Lorenzo
fixo tamén balance das medidas postas en marcha desde a entrada en
vigor da Lei de Bibliotecas de Galicia que, como indicou, “permitiu
reforzar a cooperación entre os axentes con competencias nesta
materia”. Inclúense subvencións para o crecemento e actualización
das coleccións das bibliotecas para o que este ano se dedicaron
850.000 euros; as axudas para equipamentos culturais de concellos cun
investimento de 500.000 euros, así como a potenciación do papel da
Biblioteca de Galicia como institución central do Sistema Galego de
Bibliotecas incluíndo a posta en marcha da biblioteca dixital
Galiciana e garantiu a aposta do Goberno autonómico por seguir
impulsando a dixitalización e a innovación nas bibliotecas.