O Goberno mostra en Cerceda as moitas vantaxes da eAdministración para a veciñanza

martes, 3 de marzo do 2026 S. P.

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, abriu este martes 3 de marzo no Concello de Cerceda unha xornada informativa do programa A Administración preto de ti, acompañado polo alcalde do municipio, Juan Manuel Rodríguez, co obxectivo de achegar os servizos da Administración Xeral do Estado á veciñanza e facilitar o acceso á Administración Electrónica.
Durante a sesión, as persoas asistentes recibiron explicacións prácticas sobre o funcionamento e vantaxe dos trámites dixitais. Entre outros aspectos, tratáronse as diferentes vías para realizar operacións telemáticas, o uso do DNI electrónico e do certificado dixital ou as funcionalidades da Carpeta Cidadá. Tamén se presentaron diversos servizos dispoñibles nas sedes electrónicas da Administración Xeral do Estado, como as xestións relacionadas co Catastro, a Dirección Xeral de Tráfico ou a Axencia Tributaria.
A actividade incluíu ademais unha parte práctica na que se axudou á veciñanza a solicitar o certificado dixital e se realizou un trámite electrónico a modo de demostración, co obxectivo de que as persoas participantes adquiran maior autonomía no uso destas ferramentas.
Julio Abalde destacou que “hoxe en día máis do 90% das xestións e comunicacións coa Administración Xeral do Estado poden realizarse de maneira dixital, desde trámites habituais como o pagamento de impostos, a solicitude de prestacións ou a renovación do permiso de condución, ata a tramitación de bolsas ou subvencións, que en moitos casos só se poden solicitar por vía electrónica”.
O subdelegado animou tamén aos concellos da provincia con menos de 8.000 habitantes a sumarse a esta iniciativa. Neste sentido, lembrou que existe un protocolo de colaboración entre a Federación Española de Municipios e Provincias e o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática que permite aos municipios adherirse ao programa e ofrecer este servizo á súa veciñanza.
Así mesmo, Julio Abalde subliñou que A Administración preto de ti forma parte dun conxunto máis amplo de medidas impulsadas polo Goberno de España para “achegar os servizos públicos á cidadanía”. Entre elas salientou “as unidades móbiles de expedición do DNI, os Puntos de Actualización de Documentación da Policía Nacional, o asesoramento para a campaña da Renda nos concellos ou a denominada maleta viaxeira contra a violencia de xénero, “iniciativas todas elas orientadas a mellorar o día a día da cidadanía da nosa provincia”.
O programa A Administración preto de ti, promovido polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática e desenvolvido a través das Delegacións e Subdelegacións do Goberno, púxose en marcha en novembro de 2022 co propósito de achegar os servizos da Administración Xeral do Estado á poboación que reside en municipios de entre 500 e 8.000 habitantes sen presenza física da AXE. A iniciativa busca reducir a fenda dixital e territorial, especialmente no medio rural e entre as persoas maiores, mediante equipos especializados que se desprazan aos propios concellos.
Desde a súa creación, o programa levou a cabo en toda España un total de 7.731 sesións informativas nas que participaron 94.876 persoas. Máis de 550 destas actividades realizáronse en centros educativos e sedes de distintos colectivos, e permitiron tramitar máis de 72.500 certificados dixitais FNMT e Cl@ve (datos consolidados a novembro de 2025).