O Grupo Femxa salienta a calidade do programa do Congreso Internacional AJE Galicia
xoves, 28 de xuño do 2012
O Grupo
Femxa, consultoría de formación con presenza en toda a xeografía estatal
(incluídos dous importantes centros de operacións en Vigo e na Coruña), vén de
anunciar o seu firme apoio á quinta edición do Congreso Internacional AJE Galicia, do
que falamos hoxe mesmo, en Código
Cero, con motivo da participación de Jesús Calleja e do seu particular método
de chegada. Femxa participará no evento, que se desenvolve os días 5 e 6 de
xullo en Vigo baixo o lema Talento
Creativo na Rede 2012, en labores de patrocinio. A xuízo da consultoría, o
evento galego ten todo o potencial preciso para engaiolar aos participantes, “xa que aborda asuntos que están á orde do día
no eido empresarial, polo que se trata dunha cita ineludíbel para tódalas
persoas que se integran neste colectivo”.
Para o Grupo, é importante subliñar que se
trata dun “escenario axeitado para o
intercambio de experiencias e puntos de vista sobre a innovación empresarial”,
cousa á que vai contribuír, sen dúbida, o feito de contar coa presenza de
persoeiros como Jesús Calleja, Richard Stallman (unha das máximas eminencias
mundiais en código aberto) ou Carlos Jean, que durante as devanditas xornadas
transmitirán as súas experiencias como emprendedores ou como líderes dunha
ideoloxía, estratexia ou espírito innovador. Cómpre lembrar que no congreso tamén
participarán activamente Miguel Silva, vicepresidente de Blusens, Javier
Pedreira Wicho, autor e confudador de
Microsiervos, Manuel Pontes, director de Dnet, Pilar Rodríguez, empresaria e
fundadora de Pili Carrera, ou Richard Taunton, experto en organización e
recursos humanos.
A xuntanza está aberta á participación de
empresarios de moi diversas áreas de actividade e países, cos que AJE Galicia
mantén unha estreita relación. Entre os temas a tratar máis salientábeis e que
máis preto nos tocan en Código Cero, atópase o dos cambios que está a xerar
Internet e o afianzamento das novas tecnoloxías nos escenarios polos que se
decote se moven os empresarios e emprendedores. Neste senso, un dos relatorios
desenvolverase baixo o epígrafe O futuro
das comunicacións en Internet.