O INEGA impulsa unha nova ferramenta para permitir que os concellos fagan auditorías enerxéticas en liña
luns, 3 de decembro do 2012
- Eliseo Diéguez, director do INEGA, nun acto recente cos medios
Cada
vez é máis preciso, dende as empresas, os fogares e por suposto as
administracións (obrigadas a normalizar e dar exemplo de respecto
polo medio ambiente), controlar e xestionar do mellor xeito posíbel
os recursos enerxéticos dispoñíbeis. Co fin de facilitarlles este
traballo ás administracións que para unha boa parte da cidadanía
galega están máis preto, as administracións locais, a
Consellería de Economía está a desenvolver unha nova ferramenta
informática que lles permitirá realizar auditorías enerxéticas en
liña que, entre outras cousas, diagnostiquen a súa situación
neste eido de xeito sinxelo e inmediato. Esta aplicación,
desenvolvida polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), diríxese
a facilitar aos concellos a toma de decisións co fin de reducir
custes enerxéticos.
Segundo
informa a dita Consellería, os consumos desta índole, no ámbito
municipal, sitúanse de media arredor dos 13.000 tep/ano, dos que o
78% corresponde a enerxía eléctrica e, dentro desta porcentaxe, o
70% a iluminación pública.
O
novo
servizo de diagnose enerxética, infórmase, “permitirá
facer avaliacións on-line adaptadas ás particularidades de cada
municipio, contribuíndo á identificación de medidas concretas de
eficiencia enerxética”.
Asemade,
engádese, a aplicación será
“unha
nova fonte de datos estatísticos, axeitados para analizar a
implantación de medidas de aforro e eficiencia e o uso das fontes
renovables nos municipios galegos”.
A
ferramenta, informa o INEGA, estará operativa e accesíbel antes de
que remate o ano. A súa posta en marcha insírese nun plan xeral a
prol do aforro local xestionado e impulsado pola Consellería e que
xa se veu materializando en achegas previas como un
servizo
informático
de cálculo de tarifas eléctricas
(para facilitar aos concellos
a revisión da facturación de electricidade)
que xa está a ser empregado por máis de medio centenar de usuarios.
Entre outras cousas, permite rendibilizar a potencia contratada e
axustar a demanda de enerxía reactiva, “sinalando
as posibles melloras a emprender”.