O Instituto Tecnolóxico de Galicia loce músculo
martes, 9 de setembro do 2014
O Instituto Tecnolóxico
de Galicia, ITG, amosou hoxe as súas
instalacións na Coruña e os seus retos a curto, medio e longo
prazo, retos que pasan en boa medida por achegar ás empresas e á
cidadanía galega máis e mellor coñecemento e innovación. O
motivo: a
visita do conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen
salientou o papel do centro tecnolóxico como “piar de
competitividade”. Tamén fixo saber que o ITG, co apoio do Goberno
galego, participa no programa Innterconecta a través de tres
proxectos que mobilizan 6,5 millóns de euros en innovación en
Galicia.
O instituto, nos últimos
tempos, está a centrar boa parte dos seus esforzos e eidos
vencellados ao medio ambiente, como por exemplo a través do proxecto
Galeno, amosado este martes en detalle perante o titular de Economía
e Industria. Segundo fixeron saber Gabriel López-Companioni e Carlos
Calvo, presidente e director do centro, respectivamente, Galeno está
a posibilitar unha substancial mellora na competitividade do sector
vitivinícola da nosa terra, e isto conséguese en boa medida grazas
á colaboración de varias das principais adegas galegas. Máis en
detalle, o proxecto consiste en pór en xogo recursos de control e
xestión para os viñedos, equipándoos de sistemas de sensores sen
fíos que permiten o seu rexistro e seguimento a tempo completo, en
tempo real, e favorecéndose así a súa adaptación ás condicións
climáticas e aos distintos andazos e pragas que afectan aos
cultivos.
Pola súa parte, Conde
salientou “a vocación permanente do ITG de aplicar a innovación á
empresa” e tamén “a súa constante vontade de captar fondos
europeos”. Lembrou tamén que o Goberno galego destinou preto de 3
millóns de euros á institución nos últimos 5 anos, e vén de
aprobar un novo contrato-programa que suma máis de 200.000 co
obxecto de manter a súa aposta pola transferencia, “sobre todo no
marco do Horizonte 2020”.