O Museo de Pontevedra convoca á rapazada cada sábado con contos confinados virtuais
martes, 5 de maio do 2020
O
Museo de Pontevedra vai
desenvolver unha serie de interesantes actividades para as nenas e
nenos durante este mes de maio que vén de comezar, co fin de
achegarlles lecer literario nesta fase de desescalada do
Estado de Alarma. Trátase
de catro sesións dos Contos confinados virtuais para os
sábados deste mes, a partir das 12.00 horas. A iniciativa busca
manter “a actividade lúdica destinada á rapazada e apoiar ao
sector cultural no actual momento de incerteza”. As citas correrán
a cargo de Migallas Teatro, Polo Correo do Vento, Beatriz Campos e
Felipe Díaz "Caxoto", da compañía A Trastenda dos
Contos.
Segundo
explica o director do Museo, Xosé Manuel Rey, a posta en marcha
desta proposta ten unha dupla intencionalidade. Trátase, por unha
banda, de tentar manter aquelas iniciativas que forman parte da
programación lúdico-cultural que o Museo de Pontevedra lles adoita
adicar ás nenas e nenos e que se poden realizar nun formato
diferente ao presencial utilizando canles coma o perfil de Facebook
e a páxina web do Museo de
Pontevedra. Por outra banda, con esta iniciativa quérese seguir
apoiando o sector cultural na medida do posíbel “nun momento de
incerteza coma o que se está a vivir”.
As
pezas, que se publicarán cada sábado, foron gravadas polas e polos
artistas nas súas propias casas e cos medios dos que dispoñen
nelas, facendo un exercicio de adaptación, a todos os niveis, ás
novas circunstancias que obrigan as persoas a estar confinadas a
meirande parte do tempo. Ademais, as actuacións programadas serán
interpretadas en lingua de signos pola Organización de Diversidade
Sensorial de Galicia (Xoga).