O Nexus 7 xa pode adquirirse vía web

luns, 27 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Nas últimas horas o Nexus 7 apareceu na tenda en liña Google Play de España, Francia e Alemaña

A pasada noite a tenda en liña Google Play en Francia, Alemaña e España sorprendeunos amosando na súa portada a dispoñibilidade do tablet Nexus 7, unha semana antes do agardado, confirmando o que sabiamos do trebello: que chegará ao noso territorio en capacidades de 8 e 16 Gb a prezos de 199 e 249 euros incluíndo un vale de 20 euros para gastar en Google Play. Para completar esta promoción de tempo limitado, o tablet incluirá a película Transformers 3: El lado oscuro de la Luna de balde. Cómpre destacar que as Illas Canarias, Ceuta e Melilla quedarían fóra da distribución oficial do Nexus 7.
Os pedidos vía web deste atractivo dispositivo teñen uns gastos de envío de 10 euros e esperan chegar ás mans dos usuarios en 3-5 días laborais, o que dá a entender que dende Google queren aproximar o máximo posible o lanzamento en tendas físicas co da súa tenda, de xeito que quen opte por mercar o Nexus 7 en liña non poida tocar o tablet máis tarde que os usuarios que acudan a unha tenda tradicional.
Polo momento o Nexus 7 é o único produto da súa familia dispoñible na web de Google para España, agardándose que nos vindeiros días poidan tamén adquirirse accesorios como un cargador de corrente adicional e unha funda para o tablet.
Ata o momento o Nexus 7 só estaba dispoñible en EE.UU., Canadá, Reino Unido e Australia, e coa incorporación de Francia, Alemaña e España incrementa considerablemente a súa dispoñibilidade internacional, o que contribuirá claramente a incrementar as vendas deste tablet fabricado por Asustek, permitíndolle posiblemente situarse como o segundo dispositivo no mercado nesta categoría, só por detrás do iPad.