O PP de Valencia pide a implantación de software libre en Les Corts
mércores, 31 de outubro do 2007
O software libre vaise metendo paseniño nos gobernos, e semella que ás veces con independencia da súa cor política, actuando un pouco en contra da crenza de que os programas de código aberto son á informática o que o progresismo é ás ideas políticas. O caso é que ás veces o apoio ó código aberto vén de onde menos se agarda, e (nesta liña) o Partido Popular das terras valencianas acaba de moverse a prol deste concepto libre da informática ó solicitar a implantación de open source en Les Corts Valencianes, que é o parlamento de Valencia.
A petición veu da man de César Sánchez, voceiro do PP en materia TIC, segundo informan Panorama Actual e máis mancomun.org.
Os seus motivos e os do seu partido (maioritario na comunidade) non difiren moito, a verdade sexa dita, dos esgrimidos por outros representantes políticos de grupos políticos de diferente ideoloxía: pide basicamente que se garanta, a partir do exemplo público, a liberdade da cidadanía para escoller o que lle pete, software libre ou pechado.
En palabras de Sánchez, “as administracións públicas non deben ser alleas ás vantaxes sociais e económicas que o emprego e a promoción do software libre achega fronte ó emprego do software de licenza propietaria”. E engade, facendo fincapé na que é unha das grandes vantaxes da informática de código aberto, o aforro no pago dos dereitos: “Fronte ó software propietario, no que gran parte do custo recae no pago da licenza, o libre permite un aforro significativo, xa que a licenza achega o dereito de copia, o que abarata o prezo do programa”.
Cómpre sinalar que a aposta do PP en Valencia a prol do código libre non é nova, posto que (por exemplo) ten dado pasos neste senso implantando o programa Lliurex no eido da educación, unha distribución Linux que para este curso 2007/2008 estará baseada en Edubuntu.
