O Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre terá unha contía final de 2.250 euros

luns, 17 de xuño do 2013 Redacción

Tal e como lembramos os días pasados, xa temos nova entrega do recoñecemento á mellor investigación dos nosos estudantes elaborada sobre o alicerce da programación aberta e dando como resultado máis e mellor programación aberta. Falamos do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre, que chega á súa sexta edición cunha contía de 1.500 euros para o gañador (en total son 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e a posibilidade de outorgar un accésit de 750€, se o xurado o considera axeitado pola calidade dos proxectos presentados). O galardón está patrocinado pola asociación Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) e máis o Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), contándose co apoio da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que convoca por segundo ano consecutivo este galardón.
Esta iniciativa, sinala a Axencia, enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre 2013 da Xunta, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular nos estudantes universitarios.
Volvendo ao premio, dicir que se encamiña a divulgar as vantaxes que ofrece a elaboración dun proxecto fin de carreira, ou fin de grao, baixo unha licenza libre, ao tempo que se difunden as propias vantaxes da programación aberta. Ao xuízos dos impulsores deste recoñecemento, este tipo de traballo representa “un xeito claro de diferenciarse do resto de proxectos presentados, e de ser recoñecido pola ampla comunidade empresarial galega que traballa no marco do código aberto”.
Os requisitos para poder presentarse ao galardón son que o proxecto sexa realizado cunha integración libre de calquera linguaxe de programación, e ter publicado o software desenvolvido cunha licenza libre recoñecida pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Tamén son admitidos os proxectos que fagan uso de hardware libre. Poden optar ao premio tódolos estudantes do Sistema Universitario Galego que teña defendido o proxecto fin de carreira cunha nota mínima de 5 puntos, dentro dalgunha das convocatorias do curso académico 2012-2013. O prazo de presentación de candidaturas remata o 31 de outubro. Para as/os interesadas/os, dicirlles que poden consultar as bases na páxina do premio en mancomun.org, ou poñerse en contacto coa Oficina de Software Libre do CIXUG.
Segundo nos recordan dende AMTEGA, o recoñecemento ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, “quen ao detectar unha importante carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu pór o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha este premio”.
Premios
Como dixemos, o premio está dotado inicialmente con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e a posibilidade de outorgar un accésit de 750€. Os patrocinadores desta edición son o CIXUG, cunha achega de 1.500€ e a asociación GPUL cunha achega de 750€, ambos ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa AMTEGA para a realización de actividades de promoción do código aberto na nosa terra.