O Resident Evil 4 de PS5 poderá xogarse en VR
venres, 1 de decembro do 2023
O
vindeiro 8 de decembro o xogo Resident Evil 4 na súa versión para PlayStation 5
recibirá un contido descargable de balde que engade nun novo nivel de inmersión
na historia principal a través dun modo
de realidade virtual que poderán gozar os xogadores que teñan PlayStation
VR2.
Lembremos que Resident Evil 4 é unha reinvención do xogo co mesmo nome
de 2005, que agora emprega a tecnoloxía máis recente para achegar uns gráficos
impresionantes e un son envolvente, que se gozamos no novo modo de realidade
virtual serán aínda máis inmersivos, xa que viviremos a aventura en primeira
persoa, en vez da habitual perspectiva en terceira persoa.
O día 8 tamén estará dispoñible unha versión de demostración do xogo que
permite probar este modo de realidade virtual, de xeito que os xogadores que
teñan PlayStation VR2 poderán comprobar se a experiencia achegada é do seu
gusto antes de decidir se adquiren o xogo.
Cómpre salientar que o modo de realidade virtual de Resident Evil 4
achega unha experiencia gráfica avanzada, polo que estariamos ante un salto de
calidade moi importante fronte ao Resident Evil 4 para Meta Quest 2 lanzado hai un par
de anos, que estaría baseado na remasterización do xogo de 2005, e non no xogo
renovado deste mesmo ano.
Tráiler de lanzamento do modo VR de Resident Evil 4