O Sistema Galego de Servizos Sociais modernizarase a través da TIC

luns, 23 de abril do 2012 Redacción

A directora da Amtega, Mar Pereira e a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro na xuntanza que mantiveron nos últimos días

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Traballo e Benestar están a colaborar na elaboración do Plan Sectorial para a Modernización Tecnolóxica do Sistema Galego de Servizos Sociais co obxectivo de crear unha estratexia integral de modernización tecnolóxica no eido da atención social para mellorar a prestacións, simplificando trámites, reducindo os prazos de tramitación e compartindo información e recursos entre todas as administracións a través do Expediente Social Único, que permitirá a abordaxe integral dos usuarios do sistema.
O plan fará foco no avance do autocoidado preventivo no fogar mediante servizos de teleasistencia avanzada e na mellora da atención integral ás persoas beneficiadas compartindo en rede toda a información entre centros de atención, traballadores sociais, centros de saúde e profesionais asistenciais.
Ademais, a integración efectiva das novas tecnoloxías no sistema de servizos sociais permitirá a utilización de sistemas avanzados de análise e predición de necesidades para anticiparse ás mesmas.
O plan, que se prevé rematar en outubro, definirá as necesidades tecnolóxicas para conseguir estes obxectivos, implicando no proceso de elaboración todo o sector, desde as Administracións, aos centros de atención, profesionais colectivos na atención social e que permita unha mellor xestión das prestacións sociais axilizando os tempos de resposta e optimizando os recursos das diferentes administracións.
O comité de dirección do proxecto, encabezado pola directora da AMTEGA, Mar Pereira e a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, está integrado por representantes do Consorcio Galego de Servizos Sociais, do Servizo Galego de Saúde e da Dirección Xeral de Administración Local, que mantiveron unha primeira xuntanza para establecer as necesidades de partida do Plan.

PUBLICIDADE