O Ubuntu Phone de Bq vén con galego de serie
xoves, 12 de febreiro do 2015
Como avanzamos hai uns días dende Código Cero, o
primeiro teléfono de Ubuntu púxose á venda este mes de febreiro e
da man dun fabricante español, a compañía Bq, que xunto con
Canonical (que confiou en Bq para lanzar este dispositivo co sistema
operativo libre que Canonical impulsa) quere achegar outra
alternativa open source diferente á de Android. Esta
alternativa, como dixemos, ten nome propio e é o Bq Aquaris E4.5
Ubuntu Edition, que irrompe no mercado a un prezo de 169.90 euros e
con dúas ou tres vantaxes moi significativas. Por exemplo: vai estar
dispoñíbel a través de diversas operadoras telefónicas e,
ademais, co
galego de serie. Isto será unha comodidade moi salientábel para
os usuarios da nosa terra, moitos dos cales terán recentes aínda na
súa memoria os problemas e os atrancos sufridos para poder usar
dispositivos iOS ou con Android na lingua de seu.
Segundo contan dende O meu Ubuntinho, hai
outras vantaxes, amais da do galego como opción de entrada cen por
cen dispoñíbel (confirmado por Canonical estes días nas redes
sociais). Así, por vez primeira poderemos empregar nun teléfono
móbil os Ámbitos (Scopes) que evitan ter que abrir e cambiar
entre múltiples aplicacións. En troques disto, o sistema móbil
Ubuntu traeranos todo o que necesitemos á pantalla.
Polo que respecta ao código fonte, estará aberto e
cen por cen accesíbel para calquera desenvolvedor ou fabricante que
desexe melloralo ou adaptalo ás necesidades concretas de usuarios
específicos. Segundo engaden dende o dito blog galego, Canonical ten
a previsión de achegar os 50 mellores aplicativos dispoñíbeis,
incluído Facebook, Twitter, Dropbox, Evernote e Amazon. Tamén será
compatíbel con HTML5 e, ademais, está concibido para ser plenamente
operativo como sistema de escritorio en canto se emprega nunha
pantalla de computador (a diferenza de iOS e Android).
A un nivel máis técnico, o Aquaris E4.5 Ubuntu
Edition ten unha pantalla de 4,5 polgadas (cunha resolución de 960 x
540 píxeles), procesador MediaTek de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB
de RAM, 8 GB de almacenamento interno, cámaras de 8 e 5 Mpíxeles e
dobre SIM.
O Bq Aquaris E4.5 Ubuntu Edition pode mercarse en
Europa na páxina
do propio fabricante.