O Windows Phone 7 Mango xa está dispoñible oficialmente

mércores, 28 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Tras o aperitivo que supuxo o Windows Phone 7, xa é oficial o Windows Phone 7.5, que responde ao nome chave de Mango, e que supón a consolidación do novo sistema operativo móbil de Microsoft, e ao que poden actualizar quen actualmente teña un móbil con Windows Phone 7, aínda que algunhas prestacións como o feito de poder operar como punto de acceso Wi-Fi quedarán limitadas aos novos terminais (debido a diferenzas no hardware dos móbiles).
A actualización a Mango non chega Over-The-Air, senón que hai que aplicala a través do software de Zune, a través dun proceso de espallamento que tardará varias semanas en chegar a todos os usuarios, aínda que é posible forzar a actualización seguindo os pasos que indican nalgunhas publicacións.
Entre as novidades do Windows Phone 7.5 estarían os tons de chamada personalizados, unha caixa de voz visual, melloras no recoñecemento de voz (incluso permite enviar mensaxes de texto a viva voz), construír fíos de conversa entre varias plataformas (SMS, Facebook e chat), vistas en conversas para o correo electrónico, posibilidade de fusionar bandexas de entrada de varias contas de correo, xestión de grupos de contactos, soporte de máis redes sociais (integra Twitter e LinkedIn), soporte de multitarefa, melloras nas buscas, navegación GPS, compartir vídeos, etiquetar fotografías, xestión de podcast, sincronización con SkyDrive, listaxes de tarefas pendentes... e mesmo pode xestionar o teléfono vía web (cun Marketplace web que pode lembrarnos ao Android Market, acceso aos contidos compartidos co móbil a través de SkyDrive, acceso aos documentos de Office no móbil vía web, seguimento dos logros acadados nos xogos e un servizo de balde para localizar o móbil en caso de perda).

PUBLICIDADE