O Zulo impulsa o seu proxecto para crear unha máquina recreativa aberta e libre

luns, 10 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

A Comunidade O Zulo segue a argallar novos xeitos de introducir o software libre nas nosas vidas: primeiro coas múltiples citas de impulso aos programas abertos celebradas dende Mugardos e agora cun proxecto que estende as pólas do código aberto á nosa capacidade de facer lecer tecnolóxico e dar conta del. Falamos do Proxecto Recreativa Galega, nado en 2011 e agora comezando a dar pasos firmes, tal e como nos recorda Mancomún, que salienta o potencial de divulgación open source da iniciativa, e máis cando estamos a falar dunha proposta que convida a retomarmos o espírito de xogo e participación das máquinas recreativas. Co diferenza de que esta será de balde e aberta á colaboración de todas e todas para darlle forma.
Como dixemos, o proxecto nace en 2011 cando os integrantes da asociación comezaron a valorar a posibilidade de mercar para a entidade unha máquina recreativa orixinal de principios dos anos noventa. A compra non chegou a bo porto, pero sobreviviu o espírito que a alentou. A partir de aí viñeron unha serie de preguntas. Por exemplo: e se se xuntase o espírito de xogo compartido que acompañaba naquelas anos as sesión co Street Fighter cos conceptos propios do software libre? A priori, non semellaba incompatible. Paseniño a cousa foi collendo impulso e a finais de 2013, contan os membros da asociación, retomouse o proxecto da recreativa. Dende cero e dándolle un aire de comunidade de software libre e un alicerce cen por cen galego.
A idea, que aínda está en desenvolvemento, é a seguinte: crear unha máquina recreativa galega e libre. Claro está, correrá sobre software aberto e non haberá necesidade de introducir diñeiro. Farase con material de reciclaxe sobre todo. Engadiría ademais tecnoloxía de acceso á Rede sen fíos, entre outros recursos que permitirán usar a recreativa coma un computador persoal ou como un reprodutor de música.
De xeito complementario, preténdese “documentar todo o proceso, dende o deseño dos planos, os materiais, a cantidade de pintura e a configuración do software”. Isto implica entre outras cousas que se ceibe toda a documentación “para que as persoas ou entidades interesadas usen e difunda libremente tódolos datos do proxecto”, engádese. Tamén se busca dar forma a un equipo heteroxéneo: xente de tódalas idades e de tódolos gremios, co fin de favorecer máis marxe para a aprendizaxe mutua e multidireccional. O obxectivo é que cada pouco se convoquen reunións na sede de O Zulo, cada mes aproximadamente, para iren avanzando no proxecto. Os integrantes do colectivo mugardés calculan que logo de oito xornadas poderíase ter a iniciativa resolta, co fin de dala a coñecer in situ no Kernel 2014 (o vindeiro mes de setembro).