O acceso a banda larga a 100 Mbps chega ao 65% da poboación estatal
martes, 17 de novembro do 2015
O acceso a banda larga a
100 Mbps chega arestora ao 65% dos españois. Son datos actualizados
do Ministerio
de Industria, que vén de adaptar ao tempo presente o seu informe
sobre cobertura de Internet de alta velocidade a petición da
Comisión Europea. Segundo o informe, a 30 de xuño deste ano o
64,98% dos españois tiñan acceso á banda larga de velocidades de
máis de 100 Mbps, cun incremento de 3,92 puntos no semestre. A
cobertura da banda larga a máis de 10 Mbps acada o 86,12% da
poboación.
Na investigación
sinálase tamén que a fibra óptica ofrece unha cobertura do 52,77%
da poboación e medre en 7,98 puntos no primeiro semestre de 2015.
Pola súa banda, a cobertura de banda larga móbil coa tecnoloxía 4G
chega xa ao 79,08 % da poboación cun incremento de 2,74 puntos.
De xeito complementario o
Ministerio de Industria vén de publicar a resolución da
Convocatoria do ano 2015 Programa Nacional de Extensión da Banda
Larga de Nova Xeración. O obxectivo deste Programa é “estender
a cobertura das redes de telecomunicacións de nova xeración con
capacidade para fornecer servizos de banda larga de moi alta
velocidade (100 Mbps ou superior) e de alta velocidade (30 Mbps ou
superior) ás zonas sen cobertura actual nin prevista nos vindeiros
anos, denominadas zonas brancas NGA”. A finalidade deste programa é
“loitar contra a fenda dixital, facilitando o despregamento das
novas redes en zonas nas que, sen axudas públicas, non resultan
rendíbeis para os operadores”. Estas axudas co-fináncianse co
Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Na convocatoria
deste ano aprobáronse 100 proxectos de 39 operadores diferentes cun
investimento total de 164,46 millóns de euros, que contarán cunha
axuda pública de 57,84 millóns de euros. Mediante os proxectos
aprobados, ofreceranse servizos de banda larga ultrarrápida en 1.080
localidades e 51 áreas empresariais de 504 municipios, “dotando de
cobertura a 1.337.433 fogares e empresas”. Na táboa que amosa a
distribución das axudas por Comunidades sinálase que na nosa terra
hai dous proxectos beneficiados cun investimento total de 2,25
millóns de euros e unha axuda concedida de 0,79 millóns (agardándose que beneficien a 8.590 fogares galegos de 180 localidades en 16 concellos).