O apagamento analóxico nos EE.UU. provoca a escaseza de antenas

luns, 15 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Receptores de TDT e antenas de cornos, unha curiosa combinación que provoca problemas nos EE.UU. {JPEG}A chegada do apagamento analóxico nos EE.UU. non debería pillar por sorpresa aos cidadáns norteamericanos, pois recibiron moita información nos últimos meses e incluso unha prórroga do tempo de aplicación do cese das emisións de televisión analóxica, e durante bastante tempo puideron ler sobreimpresa nas emisións analóxicas mensaxes de texto instándoos a pasar a dixital, pero unha vez rematado o proceso constátase que moitos usuarios quedaron sen servizo de televisión por non ter tomado as medidas pertinentes (en boa parte, por culpa do Goberno, que desenvolveu de xeito deficiente a súa campaña de subvención de receptores de TDT) e finalmente constatouse que os problemas non están a aparecer nos receptores, senón nas antenas, polo que deberiamos tomar nota dende España.
Dende EE.UU. comentan que é doado atopar receptores de TDT en calquera tenda de electrónica, mentres que as antena amplificadas para poder recibir correctamente o sinal dixital son difíciles de atopar (aínda que aseguran que están a traballar para corrixir o problema).
Lembremos que moitos telespectadores recibían o sinal con antenas de cornos, e agora precisan dunha mellor recepción para chegar ao nivel de calidade mínimo para poder ver as emisións dixitais, o que se agrava especialmente no rural, pois lonxe das grandes cidades a recepción é bastante deficiente e precisa dun investimento en antenas que non poden afrontar moitos fogares.
De todos os xeitos, como tamén acontece en España, moitos usuarios non precisan de ningún tipo de adaptación das súas antenas, pois xa servirían para recibir o sinal da TDT, de aí que sexa recomendable adiantarse ao apagamento analóxico para probar se estamos listos para a nova televisión, evitando así que de precisar dunha nova antena (ou da súa adaptación) teñamos tempo suficiente para actuar.