O bacharelato STEM implántase este curso en 14 centros da nosa terra
xoves, 2 de agosto do 2018
Finalmente
o
Goberno galego confirma que un total de 14 centros educativos galegos
estrearán este curso vindeiro o STEMbach, o Bacharelato de
excelencia en Ciencias e Tecnoloxía. A medida, impulsada pola
Consellería de Cultura e Educación (ao abeiro da estratexia
Edudixital 2020), diríxese a afianzar e impulsar o ensino
tecnolóxico-dixital baseado nas catro patas da mesa STEM: Ciencia,
Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. No punto de mira están as
posibilidades laborais, profesionais, comunicativas creativas e de
emprendemento que abre (e abrirá) este tipo de formación.
Dos
14 centros nos que arrinca a iniciativa (que os converte en
“institutos referentes” á hora de implantar este proxecto), seis
son da provincia da Coruña, catro de Pontevedra, tres de Lugo e un
de Ourense. Trátase do CPR Plurilingüe Compañía de María (A
Coruña), o IES Agra do Orzán (A Coruña, o IES Sofía Casanova
(Ferrol), IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago), o IES
Arcebispo Xelmírez II (Santiago), IES María Casares (Oleiros), IES
Lucus Augusti (Lugo), o IES Nosa Sra. Dos Ollos Grandes (Lugo), o IES
Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), o IES Eduardo Blanco Amor
(Ourense), o IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín), o IES Plurilingüe
A Paralaia (Moaña), o IES República Oriental de Uruguay (Vigo), o
IES A Sangriña (A Guarda).
Segundo
indica a Consellería, o STEMbach é unha opción formativa concibida
para Humanidades ou para Ciencias e, ademais, será en si mesma unha
ponte co ensino universitario e un adestramento de cara ao que lles
agarda aos estudantes ao remate do bacharelato. De feito, o devandito
proxecto a defender forma parte deste adestramento. Semellante ao
traballo de fin de grao, o proxecto será co-dirixido por unha persoa
docente pertencente a un departamento universitario ou a un centro de
investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia
(SUG).
A
Consellería tamén explica que o alumnado cursará algunha materia
extracurricular semanal relacionada co ámbito de materias STEM e
“cunha orientación ao traballo na mellora das competencias
comunicativas e dixitais”. Esta materia terá unha carga lectiva
semanal de 2 ou 3 horas fóra do horario ordinario do alumnado. Así
mesmo, os estudantes farán actividades complementarias de formación,
organizadas polo centro en colaboración con universidades ou
entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de
recoñecida competencia; como conferencias, obradoiros ou proxectos.
O
alumnado recibirá ao remate unha certificación acreditativa da
dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a
este programa.
Outra
das novas accións STEM é a creación dos Espazos Maker, en palabras
da Consellería “lugares nos propios centros educativos que
fomentan a creatividade do alumnado baixo a máxima de aprender
facendo”. Estes espazos incluirán equipamento específico e unha
achega económica e estarán destinados a alumando, profesorado e
mesmo familias para que “poidan desenvolver proxectos mediante a
experimentación”. Nesta primeira convocatoria búscase chegar a 10
centros educativos, aos que se fornecerá do equipamento necesario,
así como dunha achega individual de 2.000 euros.
Ao
devandito cómpre engadir a Semana STEM, que se vai celebrar entre
finais de agosto e principios de setembro de 2018, e tamén o
primeiro campamento científico-tecnolóxico en inglés: a STEMweek,
na que poderán participar 200 alumnos de 3º e 4º de ESO. Estas 200
prazas súmanse ás 450 deste ano da Semana STEM. co cal un total de
650 rapaces e rapazas poderán mellorar os seus coñecementos
científico-tecnolóxicos en campamentos fóra do horario lectivo.