O centro galego Economics for Energy presenta na Toxa unha plataforma europea de investigación en eficiencia
mércores, 25 de xuño do 2014
Estes días estanse a
xuntar na Toxa (O Grove) os especialistas internacionais máis
destacados en materia de eficiencia enerxética e metodoloxías
tecnolóxicas para acadarmos un emprego máis racional dos recursos,
principalmente a nivel doméstico e empresarial. Falamos do Workshop
Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental, unha xuntanza
que xa
anunciamos os días pasados e que vén da man do centro galego
Economics for Energy. O evento, que se desenvolve hoxe e mañá 26 de
xuño, serviu xa para dar presentar oficialmente a primeira
plataforma europea de investigación sobre economía da eficiencia
enerxética, Ergon.
O consorcio está formado
por Economics for Energy, o Centro para a Investigación Económica
Europea (ZEW, con sede en Alemaña), o Instituto Federal de
Tecnoloxía de Zürich (ETH Zürich, en Suíza) e a Fundación Eni
Enrico Mattei (FEEM, en Italia). Os catro coordinadores da
plataforma, representantes dos centros socios, participaron na
presentación: Xavier Labandeira, Andreas Loeschel, Massimo Filippini
e Massimo Tavoni. O seu obxectivo será impulsar novas tecnoloxías e
novos recursos de rendibilidade e de aforro de electricidade para os
ámbitos do fogar, o transporte e as industrias.
Precisamente é o eido do
fogar, sinalaron os responsábeis da plataforma, o eido que máis
potencialidade amosa no devandito ámbito da eficiencia, en parte
grazas ás tecnoloxías do fogar intelixente e das Smart Cities.
Segundo fixeron saber os impulsores da plataforma, “os datos que
manexa a comunidade científica sosteñen que un fogar medio español
podería aforrar entre 450 e 680 euros ao ano con melloras no
illamento e o cambio a sistemas de iluminación, equipos de
calefacción e aparellos eléctricos e electrónicos máis
eficientes”. A raíz de diferentes estudos revisados polo Panel
Intergobernamental de Cambio Climático (IPCC) da ONU, estímase que
un edificio de nova construción que incorpore os últimos avances
tecnolóxicos e de deseño en materia de eficiencia pode reducir as
súas necesidades enerxéticas até nun 75%. Así as cousas,
engadiron, “as perspectivas a nivel mundial apuntan a que os
sectores residencial e comercial presentan un potencial de aforro
enerxético que podería alcanzar o 29% en 2020”.
Pero que é exactamente a
eficiencia? En palabras de Labandeira, “a eficiencia enerxética
implica poder facer o mesmo con menos enerxía, polo que é un medio
para que as empresas e familias paguen menos polos seus consumos
enerxéticos sen prexudicar o seu benestar, ao tempo que contribúe á
redución de importacións de petróleo e gas e a limitación de
emisións contaminantes, tanto a nivel local como no referente ao
cambio climático”. Ao fío desta cuestión, os coordinadores de
Ergon aproveitaron a oportunidade do evento tecnolóxico-enerxético
na Toxa para recomendar á clase política “a aplicación de
estratexias efectivas de apoio á eficiencia enerxética para
fomentar o aforro e conter o cambio climático”. E máis se temos
en conta que con estas medidas todos aforramos cartos, gañamos máis
e por enriba de todo coidamos o medio ambiente, sinalou Labandeira.
Segundo engadiron, Ergon
é a primeira iniciativa da súa índole en Europa, tomando o exemplo
de plataformas como as participadas nos Estados Unidos por
institucións de primeiro nivel como o Instituto Tecnolóxico de
Massachusetts (MIT) e a Universidade de Berkeley. Ademais de estar
aberta a novos centros europeos de referencia na materia que queiran
unirse como socios, Ergon conta xa coa colaboración da Universidade
do Estado de Arizona e prevé sumar novas alianzas a nivel mundial.
Especialistas dunha
ducia de países
O Workshop Atlántico
sobre Economía Enerxética e Ambiental chega á súa sexta edición
convertido “en cita de referencia a nivel mundial neste ámbito”,
informa a organización. Os expertos de 11 países de todo o mundo
que participarán no congreso presentan entre hoxe e mañá os
resultados máis relevantes das súas últimas investigacións. Os
relatorios científicos están a cargo dos maiores expertos a nivel
internacional na materia, chegados de Alemaña, Italia, Francia,
Suíza, Reino Unido, Portugal, Australia, Xapón, Estados Unidos,
Chile, ademais de España.